Xabier P. DoCampo: “A literatura é didáctica porque as obras son unha proposta de conduta fronte ao mundo”

Entrevista a Xabier P. DoCampo en Biblos Clube de Lectores:
“- Biblos Clube de Lectores (BCL): ¿Debe ser vista a literatura como unha fenda na correa dos días a cabalo das noites?
– Xabier P. DoCampo (XPD): Dende logo, tiña que selo. Neste concepto de literatura que consiste en poñerlle nome aos sentimentos, o escritor é un individuo que se busca a si mesmo no seu propio texto. Iso ten que modificarte continuamente, xa que do contrario convértese nun acto completamente contemplativo e esgotaríase decontado. A literatura ten que ser modificadora do propio individuo que a fai e só así poderemos pensar que é modificadora do mundo no que vivimos. Se a min non me conmove o que escribo non podo agardar que conmova o lector. Se a min o que escribo só me produce continua acomodación no mundo, non podo producir desasosego no lector. Eu non busco no lector ningunha outra cousa que non sexa desasosego e disconformidade común. Cando escribo formo parte dos individuos que lle entregou o mundo aos demais para dicirlles “modificádeo”. Só un imbécil di que vivimos no mellor dos mundos posibles, aínda que o dixo Felipe González. Un optimista irreflexivo podería dicir “viviremos algún día no mellor dos mundos posibles”.
– BCL: ¿Como se conxuga esa maneira activa de concibir a literatura coa inocencia que adoitamos atribuírlle ao público que é destinatario dos teus textos?
– XDC: Eu escribo libros que poden ler adultos e rapaces e a única diferenza formal, práctica ou mesmo estrutural cun texto dirixido só a adultos é o equilibrio entre o implícito e o explícito. O rapaz non ten experiencias compartidas comigo ao ser eu un adulto cheo de experiencias e el un individuo en formación, entón non comprende todos os meus implícitos e eu teño que facer explícitas cousas que non explicitaría se esa obra fose para adultos. Eu nunca penso na idade do lector, porque non podo coñecelo, e o único que intento por todos os medios é non ofender a súa intelixencia: sempre digo “nunca escribas noite escura, escribe noite e se o lector non é parvo xa se dá conta de que é escura”. Hai unha listaxe inmensa de obras xeniais na historia da literatura que foron escritas para lectores novos, comezando por unha obra absolutamente redonda e canónica dentro da novela de aventuras, como é A illa do tesouro, de Stevenson. (…)”.