“Para Isabel: ela, a que exerce na luz. Así empeza un dos últimos cadernos que escribiu Lois Pereiro antes de morrer. Un dietario que lle dedicou á persoa que llo puxera nas mans como agasallo: Isabel Romero, a muller do seu irmán Xosé Manuel. Dietario 1996, que estou a escribir para Isabel, confesa na primeira páxina. “É herdanza súa e soio súa: unha promesa mínima que merece dabondo. (Esperemos que as follas abonden para outro ano)”. Este Caderno para Isabel, como o alcuman provisionalmente os herdeiros do poeta monfortino, verá por primeira vez a luz a finais deste ano. Formará parte do libro co que a editorial Xerais ten previsto pechar o ronsel de publicacións arredor do autor ao que a Real Academia Galega lle dedicou este ano o Día das Letras. O volume, ao coidado do seu irmán, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, completarase coa transcrición doutros cadernos inzados de apuntamentos das viaxes de Lois Pereiro polo mundo e un DVD coa gravación do último recital do autor de Poesía última de amor e enfermidade –no pub Moka da Coruña en xaneiro de 1996– e posibelmente tamén algunhas imaxes dun acto que compartiu con Manuel María.” Vía Xornal de Galicia.