Xavier Queipo: “Vivimos nun réxime de negación da identidade galega”

Entrevista a Xavier Queipo en El Mundo-Galicia:
“(…) – El Mundo-Galicia (EMG): O mar contén a vida e a morte, o amor e o desamor. Dilo en Ártico 2.0
– Xavier Queipo (XQ): É que niso consiste o noso tránsito neste mundo. Cada instante da nosa existencia contén a vida e a morte. Quen nos quere e quen nos deixa de querer é unha parte moi importante da nosa existencia, por non dicir a máis importante. Se analizas a literatura os grandes temas non se afastan moito deses que citas: o amor (independentemente do tipo e expresión dese amor) e o desamor (coas súas compoñentes de odio, violencia, agresividade, exclusión, represión), a celebración da vida nas súas múltiples facetas e a presenza máis ou menos próxima ou consciente da morte. (…)
– EMG: Hai mal de linguas en Diarios dun nómada, en Ringside ou en Glosarios. Como defender o galego nesta eclosión de discursos contrarios ás linguas minorizadas?
– XQ: A lingua de Galiza é o galego e temos dereito a vivir en galego toda a nosa vida. A entrar nun bar e que nos atendan en galego, a contar os nosos síntomas en galego cando imos ao médico, a recibir información en galego, sexa nos medios de comunicación públicos ou na administración, a redactar os nosos contratos ou as nosas últimas vontades en galego, etc sen ter que mudar de rexistro lingüístico no noso propio país. Iso non quere dicir que teñamos que ser refractarios ao uso doutras linguas na escrita ou na vida, pois o cultivo e utilización doutros xeitos de ver o mundo non pode facer senón enriquecer a nosa percepción do mundo. Mais todo isto ten que vir a posteriori, como complemento a un dereito que é o de vivir na nosa lingua. (…)”