Intervención de Marta Dacosta na inauguración do VI Ciclo Escritores/as na Universidade

O xoves 6 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, tivo lugar a inauguración do VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise, actividade organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Neste acto de inauguración estiveron presentes: Camiño Noia, Directora do Departamento de Filoloxía galega e latina, Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística e Marta Dacosta en representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Reproducimos a continuación a intervención de Marta Dacosta:

Bo día a todos e todas, en primeiro lugar quero darvos as grazas pola vosa presenza.
É unha honra para min estar aquí representando a AELG que unha vez máis se comprace en organizar estes encontros con escritores e escritoras na Universidade. Esta actividade é froito dun convenio coa SXPL e no seu deseño contamos coa colaboración do Departamento de Filoloxía galega e latina da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Grazas tamén pois a estas entidades por facer posíbel que esta actividade se manteña. Agardemos que no futuro a capacidade financeira e ese convencemento da importancia do papel da literatura no proceso de normalización permitan seguir adiante con este tipo de actividades.
Para a AELG esta é unha actividade fundamental no sentido de que permite a comunicación directa entre os nosos escritores e escritoras e o alumnado e o profesorado universitario. Entendemos que estas mesas redondas son unha actividade complementaria axeitada, pois poder escoitar ao propio autor, coñecer de primeira man a súa posición e os seus motivos, é sempre altamente enriquecedor.
Nesta ocasión a Universidade de Vigo propuxo o suxestivo título «Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise». Estamos pois ante unha proposta de debate que bebe directamente da problemática actual da lingua galega, a ferramenta fundamental da escritora, a que nos define e nos sitúa.
Desde 2008 o pantasma da crise percorre os países ricos, e un capitalismo esgotado reaccionou empuñando a arma do medo para sobrevivirse a si mesmo. Entón os gobernos sumáronse á ladaíña e sacaron de tesoiras. A cultura e a lingua foron as dúas primeiras vítimas: liñas de axuda que desaparecen, orzamentos que diminúen, medios de comunicación, en galego, que pechan… Neste tempo, a AELG denunciou a regresión na política de investimentos en todos os sectores da cultura do noso país que, ao final, acaban por se traducir na destrución de emprego.
Sinalábase antes a importancia do papel da literatura como ferramenta normalizadora. E si, na historia da nosa literatura, a defensa do idioma ocupa, naturalmente, un lugar central. Por iso non podo deixar de pensar que Castelao volvería hoxe falarnos daqueles que pretenden derrubar o Pórtico da Gloria, dos que elevan o inglés á categoría de lingua universal para enviarnos como paquetes teutóns a procurar traballo fóra da nosa terra. E pregúntome, con que argumentos lles explicaría hoxe Sarmiento a idoneidade de que a nosa lingua estea presente nas escolas e sexa a lingua na que os nosos nenos e nenas aprendan a ler e a escribir aos que se empeñan en dicir que o galego non serve para nada e que debemos aprender inglés?
Esta segunda década do segundo milenio ten no seu haber o triste cómputo da perda de espazo para a nosa lingua. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega manifestou no seu día a súa posición contraria ao actual Decreto 79 que modificou o estatus do noso idioma no ensino. Malia a entrega e o traballo de décadas, hoxe reduciuse a súa presenza nos centros escolares por vía normativa, e esta eiva marcará a súa vitalidade entre as xeracións futuras, esas para as que as escritoras e os escritores deixamos as nosas arquitecturas de palabras, empeñados e sermos galegas e galegos.
A pasada fin de semana a asemblea xeral da Federación Galeusca pechou o encontro das tres asociacións de escritores coa lectura do Manifesto da Federación Galeusca 2011 nel recóllese a nosa afirmación de que
“1. En contra de todo intento de invisibilización, manipulación e desvirtuación cultural e nacional, somos escritoras e escritores galegos, os que usamos como instrumento de creación as nosas linguas… que
2. A pesar dos adiantos en normalización, non só nos atopamos moi lonxe aínda dos mínimos esixíbeis nunhas sociedades nacionais asentadas, senón que asistimos no presente ao que consideramos unha involución no recoñecemento das nosas identidades. Damos conta máis unha vez da falta de cultura plurilingüe do Estado español, que nos últimos trinta anos non manifestou a vontade de favorecer un clima de educación para a convivencia democrática real e mutuo entendemento entre as diferentes linguas e literaturas do ámbito do Estado, sometidas sempre a ese mito anacrónico do “destino histórico” da cultura española.
4. Reiteramos o noso apoio aos modelos de inmersión lingüística aplicados polos nosos sistemas educativos como modelo de adquisición das nosas linguas e culturas minorizadas.”
Neste ano 2011 en que se cumpren 100 anos do nacemento de Cunqueiro, cómpre lembrar as palabras de quen, para alén das súas posicións políticas, sempre considerou que a lingua era un deber incuestionábel. Cunqueiro era consciente e declarouno publicamente de que a lingua é fulcral para o futuro dun pobo, porque nela reside a nosa identidade. Por iso quixo que o lembraramos para sempre como quen procurou Mil primaveras máis para a lingua galega.
A poesía, a narrativa e o teatro, están unha vez máis ante a encrucillada. Deséxovos que ao longo destas mesas redondas botedes algo de luz en tan escuros días no camiño de procurarmos outras mil primaveras máis para a lingua galega.