Entrevista a Manuel Rivas en El Ideal Gallego, a través de Xerais:
“(…) – El Ideal Gallego (EIG): Por que se sente tan cómodo na narrativa breve e no conto?
– Manuel Rivas (MR): Eu penso que é un xeito de escribir e non sei se de vivir. Escribir un conto é como manter un misto prendido na man ata que queima os dedos. É un andar intenso no que se entrelazan casualidade e causalidade, como se estivésemos nun ring, nun ring circular. Os surrealistas dicían que no círculo é onde se dan cita os antónimos: a luz e a escuridade, a vida e a morte… Un conto é como un círculo.
– EIG: Poderíase dicir que o Rivas narrador absorbe no Rivas poeta?
– MR: O poeta alimenta no narrador, entendendo que a poesía é manter o sentido das palabras e facer que escintilen. Para min a poesía está máis asociada a un xeito de ver que a unha métrica ou a un formato. Hai poemas sen poesía e hai novelas con moitísima poesía. (…)
– EIG: Como académico, qu pensa do manifesto O xogo das cadeiras contra a discriminación da muller por parte da RAG?
– MR: Penso que a composición da Academia non é xusta e apoio o sentido dese texto. Non o digo aquí porque estea nunha entrevista; alí expresei o mesmo. Na RAG fai falta unha actitude activa, un plan de futuro para romper ese desequilibrio inxusto. Pero eu non a considero unha institución machista, xa que iso implicaría unha actitude activa, ideolóxica a prol da supremacía do macho, unha circunstancia que alí non se dá.
– EIG: Vostede é un escritor que escribe coa alma. É alma o que está a faltar no mundo de hoxe?
– MR: Totalmente. “Alma” é unha palabra que expresa moi ben o que se quere dicir con ela. Cando se di que unha cousa ten alma ou tamén cando se di que algo é desalmado está moi claro o que se transmite… 0 gran problema no mundo actual é que o ser humano non ocupa o centro de interese das institucións. A referencia no ser humano mesmo desaparece da linguaxe. Eu non escoito a ninguén do FMI nin dos bancos centrais, ni de ningún Goberno falar da barra de pan nin do litro de leíte. Todo son magnitudes, cifras irreais que acaban por volver irreal a propia realidade. (…)”