Entrevista de Camilo Franco a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): Os contos poden ser os mesmos, pero o autor quizais non. ¿Que impresión tivo dos contos ao volver a enfrontarse a eles?
– Manuel Rivas (MR): Hai sempre unha reacción de que o autor mellora cos anos, como esa falsa idea de que o progreso nunca acaba. Pensei de entrada que os primeiros contos serían peores e mesmo pensei que quizais non debía telos escrito. Despois dinme conta que eran eles os que tiñan que falar e non eu, por iso deixei que fosen. Decateime de que os primeiros non eran peores e tamén que no relato algunhas imperfeccións de fábrica non son necesariamente malas. Hai algo nesas imperfeccións que humaniza o conto.
– LVG: Quere dicir que o conto debe ter certa condición poética por riba da narrativa.
– MR: Creo que o conto non debe funcionar só como mecanismo, aínda que os mecanismos existan. Creo que nun conto non se debe ver a caixa de ferramentas. Os contos son animais solitarios e por iso hai que aceptalos, non se deben borrar as súas pegadas porque nos contos hai sempre unha indagación que xustifica a utilidade da literatura.
– LVG: ¿Cal é a indagación que debe facer hoxe a literatura?
– MR: Debe dicir o que non se pode dicir, debe achegarse aos tesouros e aos terrores. Tamén poden contrarrestar esas cifras que se utilizan para meter medo na xente. Creo que a literatura é agora máis útil que nunca contra o discurso único porque as palabras seguen sendo sensibles ao que xente precisa.”