Reportaxe en Cultura Galega:
“Chineses que cociñan os seus avós. Raparigas que fan auto-stop en curvas perdidas. Roubos de órganos. Ratos confundidos con cans. Todos coñecemos un bo feixe do que se coñecen como lendas urbanas. A pasada fin de semana, as Xornadas de Literatura de Tradición Oral analizaban este fenómeno, sen dúbida un dos máis vizosos da oralidade contemporánea. O salón de actos da Deputación de Lugo acollía os pasados venres 28 e sábado 29 de outubro as IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral. O encontro, que organiza a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e mais a Asociación Socio-Pedagóxica Galega centrouse nesta ocasión nun tema pouco coñecido da nosa oralidade como é o das lendas urbanas. Investigadores galegos e foráneos abordaron desde diferentes perspectivas a cuestión, con achegas desde Portugal e Euskadi.
Segundo explica Antonio Reigosa, coordinador do encontro, “é o tipo de literatura oral que semella ser máis coñecido na actualidade e que está máis actualizada. A peculiaridade que ten a respecto doutras lendas é esta actualización. Á historia refórmase na propia transmisión, incluíndo elementos urbanos e modernos recoñecibles para o ouvinte e que permite que estas historias se conten como se fosen verdades”. Malia a que estas lendas están amplamente difundidas no noso país, non se pode falar, a teor dos especialistas da existencia de historias deste tipo nidiamente galegas. “As lendas urbanas son practicamente as mesmas en todo o mundo, son universais. O que teñen son variantes locais relacionadas con personaxes ou situacións concretas. Precisamente un dos elementos que as fan cribles é que localicen nun contorno próximo, entón é habitual que haxa referencia a un contorno galego nas historias, ou que se empregue a nosa lingua, e nese sentido si se poden considerar galegas”. A achegar exemplos deste tipo, Reigosa apunta desde “as máis inocentes, como as que todos coñecemos de alguén que coincidiu o Rei nunha gasolineira ata, xa outras que xa están máis ideoloxizadas, como as de substacción de órganos por chineses, ou a do coche sen luces, o sorriso do pallaso, a moza da curva ou a rapaza morta que ten unha relación cun rapaz vivo… Hai moitísimas e probablemente todos empregamos case a diario algunha destas lendas sen sermos moi conscientes”. En moitos casos, as lendas urbanas concentran estereotipos e expresan medos sociais ante o estraño. Encontros con descoñecidos de consecuencias negativas, historias que deixan en mal lugar colectivos minoritarios ou inmigrantes… A tendencia é xeral neste tipo de historias. Segundo sinala Reigosa, “a literatura en xeral, e a oral en particular, carga cos prexuízos sociais da época na que se crea. Iso dáse aínda máis no caso das lendas urbanas, e supoño que isto tamén o fai tan actuais, xa que permiten descargar prexuízos, ideoloxía e frustracións que non seriamos capaces de transmitir doutro xeito”. Nese sentido, este investigador recoñece que “hai unha certa ideoloxía de rexeitamento claro e contundente, pero leva unha envoltura literaria que a fai máis dixerible”. (…)”