“Publicar volumes colectivos de relatos curtos na liña da literatura pulp americana de comezos do século XX. As historias fantásticas e de terror en galego teñen cabida en Contos Estraños Editora. O proxecto, que se presenta o vindeiro sábado 26 de novembro ás 21 horas no Pub Tatooine de Santiago de Compostela, arrinca con dúas liñas editoriais. Por unha banda, Contos Estraños Pulp, unha serie de libros colectivos de obras curtas da que se presentará o número 0, Amañeceres Estraños. Pola outra, anuncian Contos Estraños para Nenos Friquis que lanzará “contos ilustrados para nenos de temática desenfadada e paródica” da “subcultura denominada comunmente “friqui””. A primeira entrega desta serie sairá nas vindeiras semanas co título Apalpador vs. Papá Noel. Tomás González Ahola, coordinador de Urco Editora e mais Fernando M. Cimadevila, autor de O mundo secreto de Basilius Hoffman: O Ladrón de Soños, son os responsables da aventura editorial que agora comeza. A súa intención é “normalizar o panorama da literatura fantástica en lingua galega” e buscar a “promoción de autores e ilustradores do país”, especialmente na produción de obras de narrativa breve e de traballos colectivos.” Vía Cultura Galega.