A Secretaría Xeral de Política Lingüística, por delegación do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria do día 4 de novembro de 2011, en virtude da disposición adicional da Orde do 22 de abril de 2010 de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 78, do 27 de abril de 2010), con motivo do Día das Letras Galegas, convoca un concurso, entre os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a elaboración dunha exposición sobre a obra, época e lingua do autor homenaxeado en 2012, Valentín Paz Andrade, e/ou sobre a situación sociolingüística da etapa histórica na que este viviu.
Obxectivos:
1. Potenciar o estudo da obra e da época de Valentín Paz Andrade.
2. Propiciar a reflexión sociolingüística sobre esta etapa histórica.
3. Fomentar a valoración das contribucións individuais e colectivas na dignificación e normalización da lingua galega.
4. Impulsar a realización de actividades que fomenten a colaboración interdepartamental e que potencien a implicación activa do profesorado e do alumnado.
5. Fomentar e difundir unha visión persoal por parte da comunidade educativa sobre a figura deste autor.
6. Enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega, e promover a súa divulgación como referentes para outros centros.
BASES
1. Poderán participar todos os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Educación aos que se refire a base 2.ª desta convocatoria.
2. Establécense dúas categorías:
a) Para os centros de educación infantil e primaria.
b) Para os centros de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional.
Os centros educativos nos que se imparta educación infantil, primaria e secundaria poderán concursar nas dúas categorías.
3. Os traballos serán orixinais e inéditos.
4. O eixe temático da exposición será a obra e a época de Valentín Paz Andrade, observada dende unha perspectiva pluridisciplinar e onde o percorrido biográfico sexa só un pretexto para abordar unha realidade complexa e heteroxénea.
5. O traballo será interdepartamental e na súa elaboración deberán estar implicados un mínimo de cinco seminarios. No caso dos centros de educación primaria, terase en conta a participación dos equipos de distintos ciclos.
6. A exposición constará de:
– 10 carteis de 70 x 50 cm.
– Para cada cartel elaboraranse unha serie de actividades que guíen a súa observación e fomenten o labor de investigación do alumnado. Xuntarase á exposición en forma de guía ou cuestionario e a súa extensión non superará as 20 páxinas.
7. A técnica para utilizar é libre e os traballos poderanse presentar en cor.
8. Os grupos de traballo que elaboren as exposicións gañadoras recibirán cadanseu premio en metálico por importe de 3.000 €. Os premios poderán, se a calidade dos traballos presentados non fose a axeitada, declararse desertos.
9. Os traballos entregaranse en formato dixital PDF e EPS, cunha resolución mínima das imaxes de 300 píxeles/polgada, modo de cor cmyk, acompañado da reprodución impresa dun dos carteis, no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, nos das súas delegacións provinciais ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Presentaranse baixo un pseudónimo ou lema identificador. Ademais, acompañarase un sobre pechado no que figurará no exterior unicamente o pseudónimo ou lema da exposición e no seu interior, os datos do centro e os do grupo de traballo.
10. O prazo de presentación remata o día 16 de xaneiro de 2012.
11. Para o ditame dos premios establecerase un xurado formado por:
– O titular da Subdirección Xeral de Política Lingüística.
– O titular da Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.
– Un asesor ou asesora técnica encargado/a dos contidos educativos.
O xurado poderá contar cos informes dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles proxectos que coide pertinentes.
12. O xurado terá en conta os seguintes criterios de valoración:
– Ampliación da perspectiva de coñecemento do autor homenaxeado.
– Inclusión de actividades dirixidas a distintos ámbitos de coñecemento, ademais das correspondentes aos seminarios implicados.
– Nivel de implicación e incidencia na comunidade educativa.
– Carácter motivador e orixinalidade da proposta.
– Orde, claridade, coherencia e corrección gramatical na presentación.
13. Os orixinais non premiados serán devoltos, sempre que os/as autores/as así o soliciten por escrito, no prazo máximo dun mes a partir da data en que se faga pública a resolución do xurado. Os orixinais que non se retiren, destruiranse.
14. A mellor exposición de cada unha das categorías será imprimida e distribuída en máis de 1.600 puntos de Galicia e do exterior, tales como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros. Nela figurarán a imaxe gráfica da Xunta de Galicia e o nome do centro gañador.
15. A Secretaría Xeral de Política Lingüística quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente na que, en materia de propiedade intelectual, puidesen incorrer os/as participantes.
16. A Secretaría Xeral de Política Lingüística resérvase o dereito a organizar exposicións e/ou a exhibición, reprodución ou publicación da imaxe ou contido dos traballos presentados por calquera medio que se considere oportuno, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual.
17. A Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá desenvolver as accións que considere oportunas encamiñadas á difusión dos traballos seleccionados das categorías incluídas nesta convocatoria.
18. A participación no concurso implica a aceptación destas bases. A Secretaría Xeral de Política Lingüística queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da interpretación das bases. O ditame do xurado será inapelable.
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2011