‘”Un texto moi pouco compracente, situado nun contexto de guerra onde se desenvolve unha cerimonia eucarística” así explicou Marcos Abalde (Vigo, 1982) o ambiente no que se sitúa o seu texto, A cegueira, elixido por maioría como o gañador do XX Premio Álvaro Cunqueiro. O premio está dotado de 6.000 euros máis a “posibilidade” (se existe orzamento) de publicar o texto dentro da colección Biblioteca Dramática Galega que a Agadic, convocante do premio, coedita con Edicións Xerais de Galicia. O texto será publicado en catro meses, tal e como comentaron fontes de Agadic. Paula Carballeira gañou o Manuel María de Literatura Dramática Infantil, coa obra O refugallo, mentres o xurado declarou desertas “por unanimidade” as dúas modalidades do Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques.
O Premio de Teatro Manuel María de Literatura Dramática Infantil recaeu “por maioría” na autora Paula Carballeira sobre un texto que, en palabras da gañadora, “fala do que se prescinde e se tira, como pode ser a cultura ou o teatro nestes tempos.. que se reconstrúe a través da capacidade que teñen os nenos de imaxinar”. Para a autora, os 6.000 euros de premio “serviranlle á miña compañía, Berrobambán, poder facer os nosos textos e asumir outros proxectos máis arriscados, polo que estou moi contenta”. Pola contra, Anxo Abuín, profesor da Universidade de Santiago e presidente do xurado, asegurou que “por unanimidade” decidiron declarar desertos os textos presentados ao Premio Barriga Verde de Monicreques nas súas modalidades. “O xurado tomou esta decisión porque as obras non tiñan calidade literaria e a viabilidade escénica”. (…)”. Vía Cultura Galega.