Todos os xoves 2 de febreiro ó 19 de abril do 2012, no Centro Psicosom (Rúa Federico Tapia, 43, 2º esquerda) da Coruña, de 19:30 a 21:00 horas ou de 20:00 a 21:30 horas (consonte a conveniencia da maioría da xente interesada), terá lugar o obradoiro de escrita poética Eu é un outro. Introdución á poesía moderna. A creación como método de coñecemento e de (pro)cura interior, impartido por Xoán Abeleira. O prezo é de 150 euros en total -50 euros ó mes -a pagar consonte as posibilidades de cada quen. O número máximo de prazas é de 15, cunha duración de tres meses (unha clase á semana, dunha hora e media de duración), con posibilidade de prolongar o curso. Máis información e reservas no teléfono 686397847 e/ou no correo xabeleira@mundo-r.com Este é o seu programa: “No obradoiro mesturaremos a teoría coa práctica poética. Por unha banda, e tomando o poeta francés Charles Baudelaire como punto de partida, percorreremos o desenvolvemento da poesía moderna universal, dende o simbolismo ata as vangardas de principios do século XX, lendo, analizando e comentando os textos claves das súas principais figuras: Charles Baudelaire, Arthur Rimbaud, Jules Laforgue, Walt Whitman, Emily Dickinson, Stéphane Mallarmé, Guillaume Apollinaire, T. S. Eliot, Ezra Pound, os poetas expresionistas alemáns, os poetas cubistas, os poetas futuristas, os poetas superrealistas, etc, ocupándonos especialmente da influencia de todos eses autores e movementos na poesía galega e española daquelas épocas. Por outra, e partindo de exemplos concretos dos tipos de técnicas, estruturas, ritmos, recursos… poéticos inventados e/ou desenvolvidos polos autores estudados, os e as participantes no obradoiro escribirán e comentarán os seus propios textos, realizados consonte os modelos analizados en clase: poemas en verso medido, poemas en verso libre, poemas en prosa, poemas cubistas, poemas expresionistas, poetas superrealistas, etc. Así mesmo, e ó fío de cada un dos autores estudados, abordaremos distintos temas vencellados co feito da creación en si (coma, por exemplo, a relación entre a arte e a meditación, a arte e o xamanismo, a arte e a psicoloxía, a arte e a indagación no inconsciente colectivo e persoal, etc), facendo especial fincapé nas distintas vías en que a creación poética, como método de coñecemento e de sanación, nos axuda a medrar no camiño da sabedoría, revelándonos a realidade última das cousas e, xa que logo, de nós.”