Entrevista de Camilo Franco a a Agustín Fernández Paz en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): No libro [Fantasmas de luz] hai dúas argumentacións para a mesma historia.
– Agustín Fernández Paz (AFP): Quería escribir sobre a desfeita que está cometendo o capitalismo desde a caída do muro de Berlín. Pero non quería escribir un ensaio, quería utilizar as ferramentas da ficción e para iso tiña que darlle corpo a unha historia con personaxes e cunha trama. Por un lado quería facer unha crítica dura do sistema, pero por outro quería explicar o moito que importan os soños e a necesidade de que nos conten historias. No cruce desas dúas intencións está a historia dun home que traballa case toda a súa vida nun cine e queda sen traballo.
– LVG: No seu libro toma corpo esa idea de que ir ao paro é un xeito de desaparecer.
– AFP: Mesturo un contexto realista cun elemento fantástico. Neste caso é que o matrimonio protagonista, tras quedar os dous no paro, comezan a volverse transparentes. Están aí pero o mundo non os ve. Ese é un dos grandes perigos desta crises, que hai xente que desaparece.
– LVG: Considera que a sociedade é demasiado pasiva diante da dureza dos cambios?
– AFP: A impresión que eu teño é que os cambios que veñan, que van vir, non chegarán só a nivel local, senón que serán cambios globais, como global é o capitalismo agora e tamén é global o deterioro da natureza. O que non chego a albiscar agora, pero que pode estar sucedendo, é que, como dicía Marx, hai varias toupas furando na actualidade e non o sabemos, e quizais esteamos só intuíndo o que está sucedendo realmente. O que si quero crer é que esa consigna de que somos o 99 % segue sendo auténtica e debe impoñerse, e que esta forma de capitalismo está condenada a desaparecer polos seus métodos. (…)”.