Daniel Salgado: Cunqueiro para ben e para mal

Reportaxe de Daniel Salgado sobre Álvaro Cunqueiro en El País:
“(…) “A narrativa de Cunqueiro revalorizouse, sobre todo, nos noventa, grazas ao labor teórico de Xoán González-Millán”, considera a profesora Dolores Vilavedra, que recentemente publicou un mapa da cuestión, A narrativa galega na fin de século (Galaxia, 2010). E engade: “Esa revalorización tardou en producirse en parte por prexuízos ideolóxicos, en parte porque non había ferramentas teóricas para enxergar unha obra así, deuse unha incapacidade hermenéutica”. O paradigma dividíase, na atoutiñante prosa de posguerra, entre o existencialismo rebelde de Blanco Amor -non conceptualizado dese xeito- e o relato de fonte popular e tendencia fantástica de Ánxel Fole. Cunqueiro non cadraba en ningures. “O seu programa está fóra do tempo, tampouco ten relación coa literatura española”, explica Vilavedra, para quen o achegamento ao escritor dende a dicotomía realismo / fantástico “encorsetou a súa obra”.
Na súa gran triloxía en galego, esa que vai de Merlín e familia, pasa por As crónicas do sochantre e desemboca en Se o vello Sinbad volvese ás illas, non existe o eixo temporal, a mestura indiscriminada de tradicións culturais avanza estratexias melting pot, un pouso melancólico percorre todo o seu espiñazo e nas ansias por ser outras vidas e explorar outros mundos sedimenta o edificio narrativo. “O Sinbad é un libro para montar a vida nel, é para namorarse e é unha cabronada para un escritor”, sentencia Darío Xohán Cabana, aínda sinceramente abraiado, moitos anos logo do seu contacto cos repertorios do mindoniense, “pola capacidade de evocación da súa linguaxe”.
Mais o propio Cabana, que asegura volver unha vez e outra aos poemas de Herba aquí ou acolá, é consciente dos riscos de Cunqueiro. “A súa narrativa ten unha influencia enorme na literatura posterior”, di, “pero posúe uns xeitos que, se te achegas demasiado a el, podes acabar sendo unha caricatura”. O perigo do manierismo, do que tamén alerta a crítica Dolores Vilavedra e no que sitúa o menos produtivo da herdanza cunqueiriá. Non dubida en poñer exemplos: “O Xentiario (Galaxia, 2009) de Carlos Reigosa ten unha vontade de homenaxe explícita aos libros de semblanzas, pero se cadra aí se atope o menos interesante”. Pero tampouco detecta alternativas a esa liña, pegadas sutís, asimilacións fértiles: “Non as vexo”. (…)”.

No mesmo medio, pódense ver artigos de Quico Cadaval, Suso de Toro, Daniel Salgado e Iago Martínez.