Radiofusión: ‘Homenaxe ao cine e denuncia social conviven na nova novela de Agustín Fernández Paz’

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Radiofusión:
““Nunca poderán acabar con nós nin esmagarnos. Sempre sairemos adiante porque nós somos o pobo”. Do espírito co que John Ford impregnou a adaptación cinematográfica de As uvas da ira tira Agustín Fernández Paz na súa nova novela. A este e outros clásicos da sétima arte homenaxea o escritor vilalbés en Fantasmas de luz, unha obra que, ao igual que a devandita película, denuncia as consecuencias do capitalismo na vida dos traballadores. “Nun abrir e pechar de ollos, vanse polo sumidoiro as conquistas sociais e laborais que levaban décadas consolidadas”, reflexionou esta tarde o autor nos micrófonos de Radiofusión.
Agustín Fernández Paz atópase, ás veces, a si mesmo recitando frases de filmes que lle deixaron fonda pegada. Porén, non chega ao nivel do protagonista da súa nova novela, Damián, quen toma as súas decisións vitais en función do que aprendeu na gran pantalla. A través deste personaxe que tras quedar no paro comeza a volverse transparente, o autor pretende denunciar a invisibilidade que sofre unha parte da sociedade. Tomando exemplo das edicións en DVD, Fantasmas de luz inclúe “tomas extra”. Fernández Paz engadiu á novela principal seis relatos que, a modo de escenas adicionais, axudan a entender mellor determinados aspectos da historia. O lector conta asemade coa axuda das ilustracións de Miguelanxo Prado, ante cuxo traballo o escritor asegura “quitarse o sombreiro”. Das clasificacións do cinema tira tamén o autor chairego á hora de referirse aos destinatarios da súa nova obra. “Para todos os públicos” está pensada Fantasmas de luz xa que pode resultar de interese, asegura, tanto “para un adolescente como para unha señora de 80 anos”. A entrevista pódese escoitar aquí: 201211FERNANDEZ.mp3.