Entrevista a Eva Moreda en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Naceu na Veiga e emigrou. A Veiga é como un tempo distinto é unha novela sobre emigración. Aínda que non sexa autobiográfica…
— Eva Moreda (EM): Non é autobiográfica pero hai varios detalles da miña vida, a parte de Londres e a da Veiga, en forma de flashbacks.
— LVG: ¿Como está sendo a resposta dos lectores ante esta novela?
— EM: Bastante boa. En xeral tivo críticas boas. Tamén estou moito en redes sociais, Facebook e Twitter, e xente que, sen coñecerte de nada, me escribiu para dicir que lles gustara…
— LVG: En canto aos libros que xa ten editado é…
— EM: O sexto. Tampouco é que marque un cambio de sentido, ou un xiro de 180 graos pero retoma temas que tratara, como o da emigración. Houbo xente que mo comentou, e penso o mesmo, que marca unha certa madurez, evolución respecto a obras anteriores; a técnica literaria está máis traballada, a forma de traballar os temas. (…)
En canto se lle pregunta a Eva Moreda polas súas novas incursións ou proxectos a nivel literario, esta é a súa resposta: “Hai un tema que me gustaría tratar. Estou facendo os meus experimentos: literatura infantil e xuvenil. Tamén teño os meus libros favoritos de cando era nena. En parte porque de pequena sempre lía moito e se conseguira interesar a alguén pequeno pola lectura sería unha grande satisfacción para min. Hai o debate de se este tipo de literatura é de categoría distinta á de adultos, en que se diferencia, se trato un tema que tamén podería tratar nun de adultos”.”