Artigo sobre Valentín Paz Andrade en El País (Galicia):
“(…) Aínda que Paz-Andrade ten deixado nas súas memorias (Valentín Paz-Andrade, a memoria dun século. Tucho Calvo. Biblos 2011), testemuña deste tempo pre-democrático, é interesante rescatar as respostas que lle dá naqueles días a un xornalista do semanario Teima, que se manifesta escéptico sobre as posibilidades da comisión: “A política é negociación. Non sei o que pode saír das reunións, pero o importante é que Galicia estea presente, que non quedemos marxinados nin acochados nos nosos tobos mirando como a historia pasa por riba de nós”. E sobre a carencia dalgúns apoios argumentaba “é un problema de cativeza política, resultado de 40 anos de ditadura”. Paz-Andrade defendía que o pobo galego se autodeterminara unha vez no Estatuto de 1936, “e mentres non haxa outro acto de expresión popular e libre, o Estatuto virá porque é unha legalidade histórica apoiada no voto masivo dos galegos. Este é un argumento sagrado”.
Con apoios demediados pero coa certeza de que a oportunidade pasaba pola porta e había que aproveitala, Valentín marchou a Madrid e estivo en todas as reunións celebradas aqueles meses, como antes participara nas celebradas en París e Estrasburgo de 1974 a 1976 pola Junta Democrática de España. (…)”.