Abre Praza

“Un novo medio abre hoxe en Galicia. Praza Pública salta á rede buscando dar unha nova voz informativa na nosa lingua e centrada na nosa realidade. Para alén da aposta editorial, o proxecto busca, nestes tempos de crise, un novo modelo de funcionamento, baseado no compromiso cos lectores. Novagalicia Banco, a incineradora do Irixo ou as últimas entrevistas a Díaz Pardo abren o pano no primeiro día do medio.
(…) Sae co nivel de contidos co que contará a edición dun día calquera, segundo asegura o director do medio, Marcos Pérez Pena. “O groso do proxecto máis estritamente xornalístico está en marcha. Saímos cun nivel de publicación como o que teremos nun día normal”. Faltan unicamente por implementar as partes máis sociais do proxecto. Unha redacción fixa de dimensións reducidas, composta na actualidade por tres persoas, o propio Pérez Pena, Lara Graña e mais David Lomba apoiado por aproximadamente unha decea de colaboradores estables a nivel informativo, entre os que apuntan os nomes de Rosabel Candal, Marga Tojo, Alberto Ramos, Montse Dopico, Miguel Pardo, Belén Puñal, Laura Ruíz, Rebeca Fernández, Marcos Sueiro ou Roberto Noguerol. A eles sumaranse aínda colaboracións concretas “Contactamos cunha rede bastante ampla, porque hai moitísimos xornalistas que non teñen traballo ou están a a traballar como freelance para medios onde non poden elaborar a información que quererían. Saímos con xente que, non por casualidade, participou en proxectos como Vieiros, A Nosa Terra, Galicia Hoxe ou Xornal“, lembra o director. Canda a isto, o medio aposta por un nutrido cadro de colaboradores de opinión, no que se atopan un bo feixe de nomes de peso canda a plumas novas. (…)”. Desde Cultura Galega.