Parlamento das letras: Agustín Fernández Paz

Entrevista de Armando Requeixo a Agustín Fernández Paz, publicada no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Faltan dous elementos esenciais: máis lectores e unha industria cultural máis potente.
Fannos falta máis lectores, porque os libros en galego non chegan a unha boa parte dos seus potenciais destinatarios. Porque os libros están invisibilizados (en cantas librarías non os hai ou andan amoreados no curruncho del gallego!), porque existen prexuízos arredor da lectura en galego, porque unha parte deses potenciais lectores non ten (ou teme non ter) a competencia necesaria para ler en galego, porque nos medios de comunicación non se trata co coidado que merece a literatura feita na lingua de noso, porque o número de bibliotecas e a súa dotación é moito menor do que debería ser, porque é case inexistente a promoción da lectura como unha política pública imprescindible…
Coa petición dunha industria cultural máis potente, refírome a un tecido editorial que non estea exposto a situacións difíciles como a actual, cun goberno que dá a sensación de querer afogar todo o que signifique un pulo das manifestacións culturais en galego. Unha industria cultural que conte cun tecido que permita proxectos ambiciosos, a promoción interior e exterior, a tradución do máis relevante que se publique polo mundo, etc. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AFP: Creo que non leo tanto como para dar unha opinión cunha certa base, son moitos os libros que van quedando fóra do meu alcance. Con todo, non dubido en valorar de xeito positivo o panorama literario actual. Cada ano aparecen uns poucos libros de alta calidade (no ensaio, na poesía, na narración, no escaso teatro que se publica) e aparecen tamén outros títulos que, en circunstancias normais, poderían ter ampla difusión social. Creo que non desmerecemos en relación con outras literaturas europeas, nin moito menos.
A nosa eiva está nas facetas que non son propiamente a creación, mais que inflúen nela, comezando pola existencia dunhas elites político-sociais-económicas alleas á riqueza literaria. Non termos un estado detrás, como lle ocorre a outras literaturas pequenas en tamaño, é unha carencia que se constata cada día.”