Entrevista a Henrique Monteagudo en El País:
“(…) – El País (EP): Boa parte das enerxías no combate contra o decreto destináronse a crebar ese monopolio do nacionalismo, tanto a nivel discursivo como a nivel organizativo. Deron resultado?
– Henrique Monteagudo (HM): As estratexias contra o decreto foron derrotadas. Cando defendín publicamente o informe Por un proxecto de futuro para o idioma galego, do Instituto Galego de Estudos Autonómicos (IGEA), estaba a ver unha contradición notable no nacionalismo. Como se podía defender a convivencia sen recoñecer a realidade lingüística de Galicia? Eu puxera esa condición: asumir o bilingüismo como realidade e como estratexia. A reacción do nacionalismo ortodoxo ao informe pareceume irracional e excesiva. Demostroume que os que se opuñan a unha renovación do discurso estaban á defensiva. Decatábanse de que o barco facía auga e disparaban contra todo o que se movía. A Mesa fixo unha tentativa de remudar, pero deu marcha atrás. Quen se acorda agora de Queremos galego? (…)
– EP: A Real Academia Galega ten un dobre discurso. Fai causa colectiva do seu financiamento, buscando a complicidade dos medios, pero non rende contas publicamente. No caso das mulleres demostrou ser pouco permeable ao que lle pedían as impulsoras do manifesto O xogo das cadeiras, que vostede asinou, pero dentro tampouco se revolveu nada. É iso un reflexo da cultura galega?
– HM. A RAG é unha destas institucións encargadas de gardar esencias, e as esencias poden ser un lastre. A mellor xustificación para reclamar financiamento é ofrecer un servizo e ser eficaz, e aí temos o caso clamoroso do dicionario [sen actualizar dende 1997]. Iso implica pasar dunha corporación de notables con funcións case rituais a unha institución operativa. En que medida reflicte o que hai fóra? A RAG necesita incorporar as distintas correntes da cultura galega na súa viveza, moitas veces contraditoria, e esforzarse en ser equilibrada. Cómpre evitar as tentacións de enclaustrarse e privilexiar certos sectores. Hai que saber xestionar as contradicións.
– EP: Dá a sensación de que a asignación de cadeiras responde máis á reprodución dos grupos de poder realmente existentes no seu plenario que ao que acontece fóra. Por que ingresan xeógrafos e non os escritores e as escritoras máis vendidos ou máis gabados pola crítica?
– HM. A RAG necesita reforzar a súa parte literaria, que está un pouco frouxa. Hai unha serie de voces da miña xeración e dos maiores e as maiores da miña xeración que deberían estar aí. (…)”