Ofrenda floral a Cunqueiro en Mondoñedo

“Como cada 28 de febreiro dende hai trinta anos, o pasado martes o Concello de Mondoñedo levou a cabo unha ofrenda floral ao escritor Álvaro Cunqueiro coincidindo co seu trixésimo primeiro cabodano. Con tal motivo, ás 11:30 h. desprazouse ata o cemiterio vello desta localidade unha comitiva da que formaban parte o rexedor e diversos edís mindonienses, amais dunha nutrida representación da corporación ferrolá, cidade coa que Mondoñedo está irmandada.
Presidindo a comitiva figuraba o profesor e crítico, tamén mindoniense, Armando Requeixo, quen foi o encargado este ano de oficiar de mantedor da ofrenda, na que se depositou unha rosa vermella na tumba do poeta Manuel Leiras Pulpeiro —de quen se cumpre este ano xustamente un século do seu pasamento— para logo pronunciar unhas breves palabras de recordo e homenaxe diante da tumba de Álvaro Cunqueiro ao tempo que se dispuñan ao pé desta diversos centros florais. A seguir, a comitiva trasladouse ao Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo, onde o mantedor do acto pronunciou ás 12:15 h. unha breve alocución baixo o título de Álvaro Cunqueiro: mindoniense irrefutable, que foi seguida dunha lectura pública do poemario Herba aquí ou acolá á que o propio orador deu comezo e na que interviñeron autoridades e numeroso público asistente.” Desde Galicia Confidencial.