Entrevista a Elías Portela en Dioivo:
“Elías Portela propuxo unha viaxe manuelantoniana á procura de novos horizontes no seu poemario O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, orixinalmente escrito en islandés e traducido despois ao galego. E conseguiu ser recoñecido como un dos tres autores máis destacados da poesía islandesa, na que se presentou baixo o pseudónimo de Elías Knörr. Non só iso: é que abriu novos camiños para a nosa literatura. Respondeu as nosas preguntas por mail desde Islandia, país ao que emigrou hai xa uns anos.
– Dioivo: Como é, en Galicia, a recepción da túa obra, en comparación con Islandia? Cres que estar fóra che dá outra perspectiva da literatura que se fai aquí?
– Elías Portela: A recepción foi moito mellor do que eu esperaba. O Mariñeiro explica moitas cousas de Cos peitos desenchufados, así que o libro ten certos valores intertextuais en galego que non ten só en islandés, e despois de publicar unha escolma en PoesíaGalega.org era unha tradución esperada. O que máis notei foi un cambio moi grande na actitude cara o meu traballo. Antes o que máis pesaba eran as curiosidades anecdóticas da vida do autor ou en pronunciar “Eyjafjallajökull”, e non a obra en si. Tamén hai que contar con que en Islandia só se me coñece por unha única obra. En islandés comecei publicando poemas soltos nunha revista de prestixio, e tiven a sorte inmensa de que Úlfhildur Dagsdóttir publicou un artigo estupendo en Literature.is. Se a isto lle unimos o da UK Poetry Review, de repente déuselle un valor á miña poética que non esperara. Na Galiza sigo desenchufado, o cal me proporciona máis liberdade creativa e non teño que escribir pensando en ninguén. Incluso podo chegar a ser irreverente, máis ca en Islandia. (…)”