Castro de Rei: EntoleARTE. Proxecto de creación artística multidisciplinar no antigo manicomio de Castro

Desde a Rede Museística, a Área de Cultura e Turismo e a de Benestar Social e Deporte da Deputación de Lugo, convocamos a todos os creadores que desde as diferentes artes, técnicas e ideas (nas diferentes modalidades de plástica, música, literatura e artes escénicas) desexen participar neste proxecto de creación artística multidisciplinar denominado ENTOLEARTE e que se vai desenvolver no edificio do antigo Hospital Psiquiátrico San Rafael, en Castro de Rei (Lugo).  Este edificio, agora baleiro de residentes, o antigo manicomio de Castro, que aínda conserva a memoria da súa propia historia e a dos que durante case sesenta anos foron os seus ocupantes ben merece unha reflexión e unha posta en común desde a óptica das diferentes sensibilidades artísticas. Por iso, desde a Rede Museística da Deputación de Lugo convocamos aos creadores que desexen intervir neste experimento fugaz antes de que o edificio se dedique a outros usos. O proxecto vaise desenvolver entre o sábado 10 de marzo e o sábado 14 de abril de 2012, de acordo co programa que se anexa en PDF.
NOTA IMPORTANTE: Todos/as os/as interesados/as en participar activamente neste proxecto deben inscribirse previamente no Museo Provincial de Lugo ou chamando ao teléfono: 982 242 300 /982 242112 (atenden: Raquel e Paula). Máis información: info@museolugo.org
Servizo de autocar gratuíto desde Lugo: Todas as persoas interesadas en facer uso deste servizo deben comunicalo á hora de realizar a inscrición. Saída desde Lugo (Museo Provincial): 11:15 horas / Hora regreso a Lugo: 18:00 horas.