Entrevista de Ramón Nicolás a María Reimóndez no blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Coincide en que O club da calceta e Pirata únense por unha común preocupación pola identidade e polo papel da muller?
– María Reimóndez (MR): Creo máis ben que ambas as dúas se ocupan do poder. O club da calceta achégase ao poder no cotián e sobre todo ás formas de violencia sutil ás que nos enfrontamos as mulleres cada día dende un punto de vista optimista onde a unión na diversidade supera as dificultades. Pirata intérnase como ben di na identidade de xénero, de clase e de orientación sexual nunha viaxe pola Idade de Ouro da pirataría, pero nela hai tamén un cuestionamento da historia patriarcal e do papel que deixou, silandeiro, ás mulleres en xeral e ás lesbianas/bisexuais en particular.
– RN: E onde radicarían as diferenzas destas novelas?
– MR: As diferenzas destas dúas novelas creo que falan bastante das miñas inquedanzas como autora. Son unha persoa moi curiosa e gústame moito experimentar co estilo narrativo. Á parte das diferenzas obvias (unha é contemporánea, outra traslada un tema contemporáneo a outro tempo e lugar) creo que a diferenza central é a forma na que están escritas.
– RN: Igualmente escribe para xente máis nova, cal é súa experiencia neste ámbito?
– MR: Sen dúbida marabillosa. A literatura infantil é un espazo para falar de cousas importantes pero dun xeito diferente onde a imaxinación non ten fronteiras. Ademais, divírteme moito escribir para un colectivo tan esixente como entusiasta! (…)”.