Bieito Iglesias: “Se introduces contradicións na comunidade, es mal recibido”

Entrevista a Bieito Iglesias en El País:
“(…) – El País (EP): En que basea a decisión de escribir un conto ou ir a unha narración máis ampla?
– Bieito Iglesias (BI): Hai escritores máis sintéticos e outros máis analíticos. Hai quen coa materia literaria deste libro [Contos da terra da tarde] escribirían os sete tomos de Proust. Tendo a traballar con moita materia e logo comprímoa. Con metáfora dos astrofísicos, os poetas contemporáneos, o meu método é un burato negro: comprimir moita masa para que se produza o big bang. Logo, a inercia da explosión ás veces dá para 20 páxinas, outras para oito e outras para 150. Pero tendo a ser un mediofondista, un Sebastian Coe da literatura, cómodo na nouvelle. (…)
– EP: O combate contra a pacatería é común na súa literatura.
– BI: O ambiente pacato é típico dunha literatura como a nosa: nunha situación de subordinación, aqueles escritores que introducen laceracións rompen o molde. Pasou coa Esmorga, recibida con reticencias polo galeguismo oficial. Se un autor introduce contradicións no que se supón que debe ser a comunidade, é mal recibido. Os meus libros non son correctos. Tampouco son reaccionarios como Houllebecq, pero non son compracentes coa igrexa progre galeguista. Agora a xente quere historias edificantes, como os filmes en Bollywood. (…)”.