Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.
– O martes 13 de marzo, ás 18:00 horas, no Salón de actos, representación de Carta urxente para Máximo Toxo, por Talía Teatro. Ás 19:00 horas, preséntase Carta urxente para Máximo Toxo, coa presenza do autor, Diego Rey, o ilustrador, Rubén Prieto, e o editor, Francisco Castro.