Entrevista a Xosé Vázquez Pintor en Praza:
“(…) – Praza (P): Seara reúne 40 anos de poesía. Nótase ben como foron evolucionando os seus versos. Os primeiros riman…
– Xosé Vázquez Pintor (XVP): Os do principio son, si, os da frescura. Xa digo no limiar que daquela eu era analfabeto en metáforas. Despois fun aprendendo e perdendo medos. Escribiamos o mellor que sabiamos. María Victoria Moreno reuniu nun libro a dez poetas daquel tempo, e chamounos os Novísimos. Pero xurdiron críticas, comezouse a dicir que o noso traballo tiña eivas… Tratáronnos coma a uns malditos que non sabiamos escribir. Pero fomos quen de seguir, en territorio hostil. Isto foi nos 70. Despois viñeron os 80, nos que os da poesía social xa chegabamos tarde, xa a moda era outra. Pero seguimos, cada un polo seu lado. (…)
– P: Os dous últimos libros de Seara eran ata agora inéditos. O primeiro, Anuncian aves, reflicte as súas sensacións ante obras de arte de pintores e escultores. O segundo, Os versos do zapateiro, son eses poemas encargados. Pero volve falar de deserción da nosa identidade, da nosa historia… e do “desgoberno” que esmaga a lingua, a cultura, a paisaxe…
– XVP: O primeiro é resultado de interpretar o mundo dos nosos pintores e escultores. A algúns coñecinos, como a Díaz Pardo, e a outros non. O libro é como unha crónica do que me transmitiron. Por sorte din con Espiral Maior, que edita os meus poemarios desde Rotación violeta. En Os versos do zapateiro está por exemplo o poema a Balbino. Un día chamoume Neira Vilas e pediumo. Ten que ver co risco de perder a lingua… O de zapateiro é ademais un oficio que sobrevive grazas aos encargos. Falo de desgoberno, si, porque só hai que ollar a actualidade. Teño un poema dedicado a Man de Camelle, polo do Prestige, e aí está a destrución do medio. Do mesmo xeito que no de Balbino está a perda da lingua, da cultura… os malos camiños polos que os políticos nos están a levar.”