Obradoiro de Estudos Rosalianos en Cardiff/Caerdydd (Gales)

Desde Poesía Galega:
“No marco do X Congreso Internacional de Estudos Galegos, que terá lugar en Gales os días 12, 13 e 14 de setembro, anúnciase unha sesión organizada polo Grupo de Investigación Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, coordinado por María do Cebreiro Rábade:
Nos últimos anos, Rosalía de Castro está a acadar un protagonismo crecente no campo cultural. A súa condición de clásica da literatura galega estivo sempre fóra de dúbida, pero as diferentes posición que se lle asignaron e se lle asignan no sistema literario galego presentan indicios moi significativos sobre o funcionamento do propio campo cultural. Por medio da celebración do Obradoiro de Estudos Rosalianos, o X Congreso da AIEG quere pór de relevo que a internacionalización dos estudos rosalianos é un proceso indisociable do seu propio desenvolvemento. O Obradoiro será unha ocasión propicia para alentar un encontro entre os investigadores e investigadoras que traballan, dentro ou fóra de Galiza, no eido do rosalianismo. Convidamos aos estudosos e estudosas da obra de Rosalía a achegaren as súas propostas para participaren nesta sesión de análise da vida e da obra de Rosalía de Castro. As comunicacións poderán cinxirse, entre outros, aos seguintes obxectivos:
a) fomentar unha reflexión conxunta sobre as posibilidades de renovación dos estudos rosalianos;
b) dotar de maior visibilidade crítica o total da obra de Rosalía de Castro, recoñecendo as múltiples facetas da escritora (poeta, narradora, ensaísta, autora de manifestos, xornalista, actriz, tradutora, etc.) e as zonas de diálogo entre os distintos segmentos da súa produción;
c) alentar a renovación dos estudos biográficos sobre a obra da autora;
f) establecer as condicións de posibilidade dunha edición crítica e anotada do total da produción literaria rosaliana.

PROPOSTAS DE COMUNICACIÓNS

As propostas de comunicacións para o Obradoiro de Estudos Rosalianos deben seguir os mesmos criterios de presentación ca o resto de propostas para o Congreso, segundo se recolle na Circular da chamada a comunicacións, se ben o autor ou autora debe indicar EXPRESAMENTE que desexa que a súa proposta se inscriba na celebración deste obradoiro.
Deste xeito, as propostas para relatorios deben enviarse antes do 15 de abril de 2012 por correo electrónico a estudosgalegos@gmail.com, incluíndo os seguintes datos: título do relatorio, nome e afiliación do autor/a, correo electrónico, resumo da proposta (300 palabras), 5 palabras chave, 5 referencias á bibliografía esencial, breve biodata do autor/a (100 palabras) e información sobre o equipamento necesario para a exposición (ordenador, proxector, audio, vídeo, etc).
As propostas deben redactarse en fonte Calibri ou semellante, tamaño 12 e espazo 1,5.
O tempo destinado a cada relatorio será estritamente de 20 minutos, e este factor deberase ter presente á hora de redactar a proposta.
A lingua oficial do congreso será o galego, aínda que se admitirán comunicacións noutras linguas de uso habitual na comunidade científica.
O comité organizador do congreso, co asesoramento do comité científico composto por especialistas de todas as áreas de coñecemento implicadas, será o responsábel de revisar e seleccionar as propostas recibidas.
A notificación da aceptación de comunicacións realizarase en maio de 2012.
O estudantado participante no Obradoiro de Estudos Rosalianos tamén poderán optar ao PROGRAMA DE BOLSAS DE VIAXE PARA O X CONGRESO DA AIEG (véxase convocatoria xeral do congreso)
Para máis información: María do Cebreiro Rábade Villar (coordinadora do grupo ‘Rosalía de Castro’): m.rabade@usc.es”