Mario Regueira: “A cultura galega ten un grave problema de dimensión pública internacional”

Entrevista a Mario Regueira en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LO): “A sorpresa do lector non diminúe malia a dosificación da traxedia, o que fala moi a favor das boas artes do autor”, afirma unha crítica asinada por Inma Otero. Era a novela curta [Outono aquí] o mellor xeito de manter a tensión narrativa ao longo de toda a obra?
– Mario Regueira (MR): O termo “novela curta” é moi útil a nivel informativo pero non deixa de ser bastante relativo, como case sempre que falamos de xéneros ou subxéneros literarios. Esta novela anda preto en dimensións da anterior, que nunca foi cualificada de curta, e algunha amiga fíxome notar que con dous capítulos máis podería competir sen problemas nun premio de novela longa. Nese sentido, non diría que foi pensada á mantenta como curta, e aínda que é certo que cada dimensión narrativa esixe a súa propia arquitectura, non creo que a tensión narrativa sexa máis doada de conseguir nos percorridos curtos, só que as técnicas para lograla son diferentes. (…)
– LO: A miúdo debátese sobre a necesidade de internacionalizar a nosa literatura. Aínda que houbo algúns casos puntuais, os intentos por entrar nos mercados máis próximos (mesmo no Estado Español ou Portugal) apenas deron resultados. Que é o que falla á hora de darnos a coñecer fóra?
– MR: Fai falta existir. Hoxe por hoxe a cultura galega ten un grave problema de dimensión pública internacional, que ningunha das iniciativas pasadas conseguiu aminorar. Fóra do noso país non somos practicamente coñecidos e así é moi difícil suscitar algún tipo de interese, e moito máis cando o que queremos poñer nos mercados son as nosas historias. Non serei o primeiro galego que, ao ver que non escribía en castelán, lle preguntaron no estranxeiro se era vasco ou catalán e tivo que explicar durante un bo anaco que non era ningunha das dúas cousas. Anécdotas coma esta, que se repiten nos países máis variados, deberan facernos pensar que vascos e cataláns existen, e nós estamos, para a maioría da xente, fóra da ecuación. E iso aínda en contextos, como o portugués, que deberan sernos naturalmente favorábeis. (…)
– LO: Outro dos debates candentes é a irrupción de novos formatos (libros dixitais), fálase moito sobre unha realidade que está aquí pero á vez semella que o sector (editores, autores, mesmo lectores) está como agardando acontecementos.
– MR: É moi frustrante a posición da maior parte dos axentes culturais galegos sobre este tema, especialmente porque o noso contexto cultural nunca se caracterizou por ser conservador nin temeroso ante os cambios. Porén, é como se a transición do libro obxecto ao libro dixital espertase fantasmas agochados e paralizase á maior parte das persoas que teñen que protagonizar o cambio. Guste ou non, os formatos dixitais acabarán tendo un papel moi importante no futuro, un papel que aínda se está definindo pero do que a cultura galega non pode quedar fóra. O estatismo, cautela, ou temor de moitos destes axentes o único que fará é que queden fóra dun cambio que se producirá de todas formas, mesmo pasando por riba deles. (…)”