Entrevista de Armando Requeixo a Luís Rei Núñez, no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lles falta aínda ás nosas letras e que lles sobra definitivamente?
– Luís Rei Núñez (LRN): Creo, e aproveito para dicilo agora que ninguén nos oe, que ás nosas letras lles sobra a compracencia. Con todo, é bastante peor o que lles falta: ó meu ver, unha aposta pola internacionalización do bo que aquí se fai, que non corre só por conta dun único escritor. Tamén, e dentro do país, falta máis visibilidade social, moitas máis bibliotecas e edicións masivas e desacomplexadas, aínda que sexa á custa de reducir á metade o número de títulos. Quizais como consecuencia disto, considero que sería beneficioso contar con máis escritores que escriban co espírito do artesán, e non co do artista, algo máis ben repugnante, e lectores que lean desentendéndose das cubertas dos libros, como se fai co viño nas catas cegas, algo moi recomendable. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– LRN: Diría que a nosa literatura está acostumándose a vivir á marxe da saúde social da lingua, que atravesa momentos moi delicados, mesmo críticos. O certo é que o galego está no grupo dos derradeiros mohicanos dos idiomas, e os escritores somos ás veces os derradeiros mohicanos da Mohicania de Fisterra. Para evitar que esta situación nos anule, creo que paga a pena seguirmos traballando o máis abstraídos que poidamos. Con todo, e fronte a tantas razóns para o desánimo, o noso presente literario é para min, escritor, o meu presente literario. E o meu presente é seguir escribindo, a pesar de todo, por unha sinxela cuestión de saúde mental. Dicía Luís Seoane na dedicatoria dun libro: “A Lorenzo Varela e Arturo Cuadrado, por todo canto fixemos xuntos en Buenos Aires, perdendo. Por canto soñamos en Galicia desde Buenos Aires, escribindo, pintando, loitando e perdendo. Soios”. É dicir, nosoutros estamos mal, e talvez debemos queixarnos, pero xa se estivo peor, e non por iso se deixaron de facer cousas.”