Entrevista de Armando Requeixo a Xosé Monteagudo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xosé Monteagudo (XM): O que lle falta hoxe é apoio para difundilas dentro e fóra do país. As letras sempre aspiran a ser recoñecidas en ámbitos cada vez máis amplos, aos cales non se chega sen un decidido apoio de axentes externos ao escritor. Sen unha industria cultural forte, sen unha aposta institucional clara e con feitos, sen un compromiso auténtico de todos os intermediarios entre o escritor e a sociedade, ao único que poden aspirar as letras galegas neste aspecto é a que a algún dos seus creadores lle toque a lotería de que un axente doutro ámbito cultural se fixe nel e consiga impoñelo fóra, converténdoo así nunha referencia recoñecible das nosas letras. Polo camiño quedarán todos os outros creadores que non teñan esa sorte, a pesar de contar cunha obra literariamente merecedora de amplo recoñecemento. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XM: É unha valoración razoablemente positiva. Sen caer en absurdas autocompracencias, creo que a literatura galega dos últimos anos no xénero da narrativa, que é o que mellor coñezo, está dando unha interesante colleita. Coma en toda literatura, hai obras boas e malas, pero nos últimos quince anos poderían seleccionarse unhas cantas que están á par de moitas das obras que máis eloxios recibiron noutros ámbitos literarios. En todo caso, falo de obras moi superiores literariamente á maioría das que se traducen e publican nos grandes sistemas literarios coma o inglés, o francés ou o castelán. Por que o conseguen eles e nós non? A resposta xa a dei cando falaba dos axentes externos ao escritor. (…)”