Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2012, que premian as mellores obras editadas en 2011, e que se veñen de fallar na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:
Narrativa: Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
Ensaio: Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.
Poesía: Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
Teatro: Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011: Bieito Iglesias.
Literatura Infanto-Xuvenil: Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Tradución: Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
Mellor Blog Literario: As crebas, Miro Villar.
Rematado o fallo dos Premios AELG nas diferentes categorías literarias, procedeuse á entrega dos Premios outorgados pola Asemblea Xeral de Socios e Socias da Asociación de Escritoras e Escritores:
- Acordouse outorgar o premio para INSTITUCIÓNS que se caracterizan polo seu contributo á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais, contribuíndo así á necesaria normalización lingüística. Nesta edición o galardón vai para o labor colectivo desenvolvido por tantas persoas que dende hai décadas, no ámbito da administración e da educación, contribuíron firmemente para a incorporación, fixación e acrecentamento de usos normalizados da lingua e, polo tanto, da literatura galega. Este labor comunitario quere ser recoñecido e singularizado pola AELG, nomeadamente, nos equipos humanos e profesionais que constitúen os Equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de normalización dos concellos, colectivos responsábeis do desenvolvemento da lingua galega nos seus ámbitos de actuación. A magnitude do seu traballo e a implicación de tantas persoas boas e xenerosas non permiten o recoñecemento individual merecido para todas elas, polo que se acordou que recollera simbolicamente este premio Agustín Fernández Paz, unha persoa que dedicou unha parte moi importante da súa vida a traballar para avanzar no lento progreso normalizador, precisamente nestes dous ámbitos -o escolar e o administrativo- desde o marco teórico até a práctica didáctica, desde a palabra até a actuación e praxe máis coherente.
- Finalmente, a Asemblea Xeral de Socios e Socias decidiu outorgar o Premio Internacional da AELG ESCRITOR GALEGO UNIVERSAL, ao escritor JOSÉ LUIS SAMPEDRO. Concédeselle este máximo galardón da AELG a José Luis Sampedro para significar o alto contido ético e estético da súa obra e personalidade, que o converten nun referente na defensa da dignidade humana. Ante a imposibilidade de desprazarse a Galicia por razóns médicas, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, deu lectura a unha carta de Sampedro, na que indicou que “a vida négame o encontro en Galicia co máis feliz motivo”, “un premio de gran significado para min: galego era o meu avó paterno, que faleceu en Betanzos; de Galicia me falaba miña avoa cando neno; únenme recordos persoais con motivo dunha estadía en Ortigueira [na Universidade Popular]. Recordo así mesmo a Asociación Cultural Lóstrego en Madrid e amigos como Xosé Manuel Beiras –dos poucos que comprenderon os meus esforzos pola estructura (económica)-; e máis recentemente úneme a Galicia o meu afecto e admiración por Carlos Taibo e Manolo Rivas”. “Este premio sitúame en compañía de Gamoneda e outras nobres figuras [Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman e Antonio Gamoneda] que poñen de manifesto os criterios selectivos da AELG, en arte e ética, co que se subliña aínda máis esta honra.”
O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Cea das Letras, felicitación e aplauso que fai extensiva a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén aquí o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.
É obrigado anotar o agradecemento a todos aqueles/as socios/as que participaron na escolla das obras gañadoras, ao longo das dúas quendas do proceso de selección, pois coa súa colaboración axudan a medrar o prestixio, a solidez e a divulgación do esforzo creativo en lingua galega, obxectivo prioritario para a AELG.