Entrevista de Sergio Álvarez a Mercedes Queixas

Entrevista de Sergio Álvarez a Mercedes Queixas no seu blog:
“(…) – Sergio Álvarez (SA): Como surxiu o teu interese polo que fas?
– Mercedes Queixas (MQ): A curiosidade ten un papel moi importante en todo o que facemos. O encontro con persoas referentes tamén. A miña vocación como docente naceu xa no instituto precisamente grazas a profesorado referente para min. Á literatura e á escrita tamén cheguei por convite de persoas referentes que sempre me animaron a superar as miñas inseguridades.
– SA: Algún novo proxecto en mente?
– MQ: Nesta altura comeza a campaña de presentacións do último libro que asino en coautoría co poeta Xoán Carlos Domínguez Alberte, publicado por Edicións Laiovento, un poemario que naceu, sen prevelo inicialmente, ao longo dunha conversa de varios anos que fomos mantendo os dous a través do correo electrónico e que quere ser lembranza do joc partit das nosas cantigas medievais.
En mente e en gabetas e arquivos sempre hai proxectos, mais dos que, por pudor, nunca gusto de falar até que están ben concretos e avanzados.
– SA: Cal foi teu proxecto mais destacado?
– MQ: O máis destacado para min a nivel persoal e creativo foron dous. O primeiro, a biografía da poeta viguesa María do Carme Kruckenberg Sanjurjo, Vivir, unha aventura irrepetíbel, que escribín a partir de múltiples conversas con ela propia e viu a luz na editorial Galaxia. O segundo, o relato infantil Xandra, a landra que quería voar, editado en Urco, que me permitiu partillar ilusións e soños de novo co público infantil.”

Entrevista a Mercedes Queixas, autora de Labrego con algo de poeta

EntrevistaMercedes Queixas 3 a Mercedes Queixas en Galaxia:
“- Galaxia (G): Por que este título para este libro [Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María]?
– Mercedes Queixas (MQ): Procurei un título que achegase ao público lector unha definición totalizadora do autor e pareceume que eses versos seus tirados do poema titulado “Carné de identidade” o eran. A íntima conexión coa Terra e a necesidade de pulsar incansabelmente o convivio coa Poesía foron a cerna do ser e do sentir vital de Manuel María.
– G: Cal foi a principal dificultade coa que te atopaches á hora de encetar este traballo?
– MQ: Manuel María aínda é sentido en presente, non o vemos, mais a súa obra, tan popularizada en vida, segue nas lecturas e relecturas de moita xente, así como a emoción das lembranza de vida compartida.
A Manuel María nada lle era alleo no seu tempo, as claves da súa vida e da súa escrita, camiños paralelos, están marcadas pola acción, pola implicación, o que explica a súa presenza e acompañamento en multitude de actos ora de xénese literaria ora formativa, divulgativa ou reivindicativa, xunto á súa necesidade de percorrer o País para o coñecer e, ao tempo, se coñecer a si mesmo e a súa tribo, o que o levou a manter contacto con multitude de persoas, colectivos, asociacións, etc. que o seguen a lembrar como memoria viva.
Manuel María era un gran conversador e un brillante orador, é difícil non sentirmos aínda en nós a súa voz penetrante e segura, o discurso do intelectual comunicador próximo ao auditorio.
É unha figura tan viva, tan apreciada, que quixen que nesta biografía tivesen voz propia algunhas persoas que testemuñasen a relevancia do noso autor como poeta e como cidadán amante do seu pobo, comprometido co seu presente e futuro.
Non poder dar cabida a moitas máis voces nese coro para min tan necesario, xunto á necesidade de sintetizar unha vida tan intensa no plano individual e colectivo do autor do maior corpus literario desde 1950, foi sen dúbida a maior dificultade.
Saleta Goi, a compañeira e confidente do poeta, quen me transmitiu toda a confianza necesaria para este traballo e a quen debo a maior das gratitudes. (…) Sigue lendo

Coñécense as/os gañadoras/es dos Premios AELG 2012

Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2012, que premian as mellores obras editadas en 2011, e que se veñen de fallar na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:

NarrativaLaura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.

EnsaioVivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.

Poesía: Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.

Teatro: Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011: Bieito Iglesias.

Literatura Infanto-Xuvenil: Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.

Tradución: Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.

Mellor Blog Literario: As crebas, Miro Villar.

Rematado o fallo dos Premios AELG nas diferentes categorías literarias, procedeuse á entrega dos Premios outorgados pola Asemblea Xeral de Socios e Socias da Asociación de Escritoras e Escritores:

  • Acordouse outorgar o premio para INSTITUCIÓNS que se caracterizan polo seu contributo á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais, contribuíndo así á necesaria normalización lingüística. Nesta edición o galardón vai para o labor colectivo desenvolvido  por tantas persoas que dende hai décadas, no ámbito da administración e da educación, contribuíron firmemente para a incorporación, fixación e acrecentamento de usos normalizados da lingua e, polo tanto, da literatura galega. Este labor comunitario quere ser recoñecido e singularizado pola AELG, nomeadamente, nos equipos humanos e profesionais que constitúen os Equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de normalización dos concellos, colectivos responsábeis do desenvolvemento da lingua galega nos seus ámbitos de actuación. A magnitude do seu traballo e a implicación de tantas persoas boas e xenerosas non permiten o recoñecemento individual merecido para todas elas, polo que se acordou que recollera simbolicamente este premio Agustín Fernández Paz, unha persoa que dedicou unha parte moi importante da súa vida a traballar para avanzar no lento progreso normalizador, precisamente nestes dous ámbitos -o escolar e o administrativo- desde o marco teórico até a práctica didáctica, desde a palabra até a actuación e praxe máis coherente.
  • Finalmente, a Asemblea Xeral de Socios e Socias decidiu outorgar o Premio Internacional da AELG ESCRITOR GALEGO UNIVERSAL, ao escritor JOSÉ LUIS SAMPEDRO. Concédeselle este máximo galardón da AELG a José Luis Sampedro para significar o alto contido ético e estético da súa obra e personalidade, que o converten nun referente na defensa da dignidade humana. Ante a imposibilidade de desprazarse a Galicia por razóns médicas, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, deu lectura a unha carta de Sampedro, na que indicou que “a vida négame o encontro en Galicia co máis feliz motivo”, “un premio de gran significado para min: galego era o meu avó paterno, que faleceu en Betanzos; de Galicia me falaba miña avoa cando neno; únenme recordos persoais con motivo dunha estadía en Ortigueira [na Universidade Popular]. Recordo así mesmo a Asociación Cultural Lóstrego en Madrid e amigos como Xosé Manuel Beiras –dos poucos que comprenderon os meus esforzos pola estructura (económica)-; e máis recentemente úneme a Galicia o meu afecto e admiración por Carlos Taibo e Manolo Rivas”. “Este premio sitúame en compañía de Gamoneda e outras nobres figuras [Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman e Antonio Gamoneda] que poñen de manifesto os criterios selectivos da AELG, en arte e ética, co que se subliña aínda máis esta honra.”

O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Cea das Letras, felicitación e aplauso que fai extensiva a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén aquí o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.

É obrigado anotar o agradecemento a todos aqueles/as socios/as que participaron na escolla das obras gañadoras, ao longo das dúas quendas do proceso de selección, pois coa súa colaboración axudan a medrar o prestixio, a solidez e a divulgación do esforzo creativo en lingua galega, obxectivo prioritario para a AELG.

Vinte e seis obras finalistas compiten polos Premios AELG 2012, que chegan á súa XIII edición

Os 417 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2011 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participan na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que terá lugar o vindeiro 5 de maio en Santiago de Compostela.

Así pois, da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda resultaron finalistas:

Narrativa:
Extramunde, Xavier Queipo, Xerais.
Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz, Xerais.

Ensaio:
Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón, Xerais.
Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.

Poesía:
balea2, Estevo Creus, Positivas.
Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
Todas as mulleres que fun, Andrea Nunes Brións, Corsárias.

Teatro:
A función do tequila, Manuel Guede, Deputación da Coruña.
Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
Fábula galénica, Inácio Vilariño, Baía.

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011:
Anxo Tarrío.
Bieito Iglesias.
Iago Martínez.
Ramón Chao Rego.
Santiago Jaureguizar.

Literatura Infanto-Xuvenil:
Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Noutra dimensión, Marica Campo, Galaxia.
O meu gato é un poeta, Fran Alonso, Xerais.

Tradución:
Os trobadores de Occitania, Darío Xohán Cabana, Edicións da Curuxa.
Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
Versos escollidos (de Wisława Szymborska), Lucía Caeiro, Positivas.

Mellor Blog Literario:
As crebas, Miro Villar.
Caderno da crítica, Ramón Nicolás.
Criticalia, Armando Requeixo.

Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e Servizos de Normalización Lingüística dos concellos; e mais o Premio AELG 2012 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor José Luis Sampedro, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana; a AELG agarda contar coa súa presenza na Cea das Letras.

Rianxo: presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel, de Mercedes Queixas

O sábado 28 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Auditorio de Rianxo, preséntase a biografía de María do Carme Kruckenberg Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, de Mercedes Queixas, publicada en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, participarán, xunto á autora, Francisco Castro e Milagros Torrado. A seguir, terá lugar un recital poético no que participarán Esther F. Carrodeguas, Milagros Torrado e María Xesús Blanco, cunha intervención plástica do pintor Salvador Fernández Laíño. No mesmo emprazamento, ás 20:00 horas, terá lugar unha conferencia de Miguel Anxo Seixas sobre Castelao á luz de Paz Andrade.

Santiago: actividades do venres 6 na Feira do Libro

Continúa a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) até o vindeiro domingo 8 de maio, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., salvo no fin de semana, en que estará aberta de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h.
As actividades do venres 6 son as seguintes:
– 17:30 h. A maxia na Feira do Libro. Sorprendente actuación do Mago Toño.
– 18:00 h. Presentación e firma do libro Águeda e o misterio dos calcetíns, de Paula Señarís, publicado na colección Árbore, de Editorial Galaxia. Participan o editor Francisco Castro e a autora do libro.
– 19:00 h. Presentación do libro Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de María do Carme Kruckenberg, da escritora Mercedes Queizas, publicado por Galaxia. Participan no acto Francisco Castro, editor, María do Carme Kruckenberg e a autora do libro.

– 19:30 h. O escritor Enrique Reyes asinará exemplares do seu libro La princesa que emigró, de Érice Ediciones.
– 20:00 h. Presentación do libro ‘Dicionario’ Lois Pereiro, de María Xesús Nogueira, publicado por 3C3 Editores. Xunto coa autora, intervirán no acto Xosé Manuel Pereiro e Antonio Puentes Chao. Tamén haberá a actuación musical de Modesto Refojo, Pipo.
– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.

A Coruña: presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel, de Mercedes Queixas

O luns 25 de abril, ás 20:00 h., na Biblioteca Municipal de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10, 2º andar) da Coruña, preséntase o libro Vivir, unha aventura irrepetíbel, biografía de María do Carme Kruckenberg, obra de Mercedes Queixas, publicado en Galaxia. No acto participan Francisco Castro, Mercedes Queixas, e a propia María do Carme Kruckenberg, e dado que a poeta é tan amante do jazz, está prevista a actuación do grupo Tres Azoteas.

Vigo: presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel, de Mercedes Queixas

O martes 5 de abril, ás 20:00 h., na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa) de Vigo, preséntase o libro Vivir, unha aventura irrepetíbel, biografía de María do Carme Kruckenberg, obra de Mercedes Queixas, publicado en Galaxia. No acto participan Iolanda Veloso, Francisco Castro, Mercedes Queixas, e a propia María do Carme Kruckenberg. Crónica posterior en Xornal.