“Valentín Paz Andrade era unha desas personaxes que formaba parte dunha xeración que viviu unha situación que en nada se pode comparar coa nosa. Pasaron dúas ditaduras, atravesaron unha guerra civil e conviviron con dúas mundiais. Eles souberon loitar e tiveron azos para cambiar o país. Nós non podemos amedrentarnos”. Así definiu o homenaxeado nas Letras Galegas o escritor Tucho Calvo, autor do libro Valentín Paz-Andrade. A memoria do século XX, quen este luns participou nun encontro do Ateneo de Santiago para celebrar o 17 de maio. Calvo, que foi presentado polo académico Salvador García-Bodaño e o catedrático Anxo Tarrío, rememorou a longa entrevista en profundidade que lle fixo ao autor de Galicia como tarea nos anos oitenta que daría como resultado este libro. Un resultado que, en calquera caso, acabou por ser serodio, xa que o libro non vería a luz até 1998 con Edicións do Castro. “A editorial SEPT de Isla Couto encargárame unha serie de entrevistas longas con persoeiros da vida galega. A de Valentín ía ser un libro, mais non chegou a saír nunca”, explicou Tucho Calvo, quen rememorou ademais o lugar onde falou co fundador de Industrias Pesqueras. “Foi no seu despacho da casa de Pousanova do Mar, aos pés de Samil. El era realmente a memoria do século XX e ese despacho impresionaba, cheo de debuxos de Castelao, de esculturas, de manuscritos de moitos históricos. Impresionaba”, explicou o escritor. (…)” Vía Dioivo.