Xosé Neira Vilas: “Emigrei a Bos Aires para poder estudar e ter libros”

Entrevista a Xosé Neira Vilas en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): ¿Que o levou a emigrar?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Marchei a Bos Aires para estudar e ter libros. Alí, traballando, entre outras cousas, fixen a carreira de xornalismo e coñecín a Anisia, unha moza cubana que estudaba o mesmo, coa que casei e fundamos a editorial Follas Novas, onde publicamos algúns libros en galego, ademais dos primeiros escritos por nós.
– G: Tamén tiñan unha distribuidora…
– XNV: Si, ¡e abarcaba toda América! Fixemos tres mostras do libro, en Bos Aires, Montevideo e Caracas. Mandabamos catálogos de todo o que se publicaba en Europa relacionado con Galicia aos exiliados e sociedades galegas. E tamén libros galegos á Biblioteca Nacional. Financiabamos a actividade co 30% que nos daba o maiorista. ¡Non gañabamos nada!, máis ben perdiamos cartos. Seoane, no prólogo do meu libro Historias de emigrantes, lémbranos a Anisia e a min en conferencias e actos culturais, ”tratando de vender o invendible: libros…”, como dicía, que sempre levabamos nunha maleta. (…)
– G: ¿Como foi a volta a Galicia?
– XNV: Ao xubilarnos decidimos volver. Eu regalara a casa onde nacín á Xunta para que fixera unha biblioteca, e fixo moito máis. César Portela realizou un proxecto magnífico, restaurando a casa e creando a sede da Fundación, cunha biblioteca con 8.700 volumes. A casa natal ten hoxe museo etnográfico, biblioteca para nenos e para adultos e salón de actos. (…)”.