Parlamento das letras: Rexina Vega

Entrevista de Armando Requeixo a Rexina Vega no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Rexina Vega (RV): Vivimos nun tempo raro, un tempo de crise, de esgotamento definitivo de estruturas. Agora mesmo, tal e como eu o vexo, conviven nas nosas letras dous xeitos de facer, de estar no mundo radicalmente diferentes. Coido que é preciso revisar a maneira de promocionar, as estratexias de comercialización, os criterios de selección. O mesmo discurso que serve de esteo á nosa cultura ten xa, coido, algo de caduco. Ademais de ser máis áxiles e contemporáneos na produción e difusión considero preciso afianzar por medio de políticas institucionais e iniciativas privadas o valor simbólico da obra literaria. Precisamos, desesperadamente, insistir na importancia do libro (dixital ou analóxico) e para que iso cale a fondo na sociedade deberiamos tamén apostar por certa “mitomanía”. Dotar de glamour a escritores senlleiros supón un pacto coa sociedade do espectáculo si, pero nese pacto temos moito que gañar. Cómpre respectar, salientar, gabar, poñer en valor mediático os moitos grandes escritores cos que contamos. Sobre nós, como cultura, paira sempre un certo cainismo. Deberiamos desfacernos de vez deste andazo que nos couta. A crítica tamén xoga un papel importante. Precisamos máis e mellores críticos, máis lecturas “serias”, fundamentadas; máis foros de participación cidadá; e unha estratexia de difusión alén das nosas fronteiras, a implementación daquelas liñas que o bipartito debuxara e que hoxe en día seguen sendo posibles e necesarias. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– RV: Vivimos nunha cultura pequena, asfixiante, coreña, perennemente ameazada, pero tamén poderosa, viva, chea de voces singulares dunha calidade extraordinaria. Vivimos nunha cultura á marxe das grandes vías, dos grandes poderes, e iso dános tamén ás. Heterodoxos, radicais, multilingües, cun lectorado entregue, cunha interacción non pequena coa sociedade, iso tamén somos nós. Razóns hai para o optimismo (e para a loita).”