Dolores Vilavedra: Retorno a Britania e nazis en Vigo

Artigo de Dolores Vilavedra en El País:
“Celebrouse o Premio Xerais en San Simón e chamoume a atención o público asistente: escasa clase política e poucos escritores e escritoras, o que me confirma certa desarticulación e rechamante carencia de sentido gremial (nunca repararon nos poucos escritores que acoden ás presentacións ou á entrega de premios a colegas?). Para compensar, moita tropa de base, xente amante da literatura, desa que contaxia o verme da lectura a estudantes, fillos, concidadás… un público que sintonizaba cos gañadores do premio de novela: un pai e unha filla que poderiamos ser calquera de nós, amarrados ao norai das palabras. Quizais faltou glamour pero, paradoxalmente, resultou confortador comprobar que hai país.
Polo demais, e aínda que non fose do agrado de determinados sectores, o hashtag #CubatasdaLiteraturaGalega revelou que temos unha mocidade máis integrada no discurso literario galego do que pensabamos: manexalo con esa desenvoltura, mesmo para desacralizalo, pon de manifesto unha familiaridade impensable hai tres décadas, cando Suso de Toro recomendaba facer croquetas coa momia de Castelao como exercicios de hixiene literaria. Un toque de hibridismo desmitificador é bo para a saúde individual e colectiva, como sabían Rabelais e Bakhtine. (…)”