Convocada a X edición do Premio de ilustración e narración Pura e Dora Vázquez

De conformidade co que acordou a Xunta de Goberno desta Deputación, na sesión do día 22 de xuño de 2012, convócase a X edición do Premio de ilustración e narración Pura e Dora Vázquez de literatura infantil e xuvenil, nas modalidades de narración e ilustración, dotado con 3.000,00 € para a totalidade das súas modalidades, que se rexerá polas contías económicas de cada unha delas, que se indican deseguido e con suxeición ás seguintes bases:

A) Bases modalidade narración:
1.- A este premio poderán concorrer todos aqueles autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega. Os textos presentados han de ser inéditos e totalmente orixinais.
2.- De cada orixinal presentaranse seis copias, en papel tamaño folio ou en holandesa, mecanografados a dobre espazo e só por unha cara, antes do día 12 de setembro de 2012, no Rexistro Xeral da Excma. Deputación Provincial de Ourense, rúa do Progreso, 32, 32003, Ourense.
3.- Co orixinal, que se presentará baixo lema, achegaranse, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor, así como o título do libro, indicando no sobre: para o X Premio Pura e Dora Vázquez.
4.- Para esta modalidade de narración establécese un premio de 1.500 euros.
5.- O xurado estará composto polos seguintes membros: o presidente da Excma. Deputación de Ourense (ou persoa, para o efecto, na que el delegue) e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da cultura de Galicia. Actuará de secretario o da Deputación ou persoa en quen delegue (con voz e sen voto).
6.- A composición do xurado darase a coñecer en data que se comunicará oportunamente e este emitirá o seu ditame ou resolución no mes de outubro de 2012.
7.- O acto de entrega do X Premio Pura e Dora Vázquez, nesta modalidade de narrativa, será o día, no lugar e á hora que se comunicarán oportunamente.
8.- O premio poderá ser declarado deserto, no caso de que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.
9.- A Excma. Deputación de Ourense, que se reserva tódolos dereitos de edición sobre a obra premiada en tódalas linguas do Estado, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros, poderá publicar esta sen limitación do número de exemplares nin de edicións. Os cinco mil primeiros exemplares vendidos estarán libres do pagamento de dereitos de autor. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada.
10.- Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ó veredicto. Os que non se retiren, serán destruídos. A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nestas bases, así como as decisións do xurado, que se teña designado, que serán inapelables.

B) Modalidade ilustración:
1.- Poderán concorrer ó premio tódolos ilustradores de calquera nacionalidade que presenten as súas ilustracións inéditas e orixinais, non menos de dez, tomando como base o texto premiado na modalidade de narración deste X Premio Pura e Dora Vázquez e a el referidas.
2.- O conxunto de ilustracións orixinais serán presentadas antes do día 20 de decembro de 2012, no Rexistro Xeral da Excma. Deputación de Ourense, rúa do Progreso, 32, 32003,
Ourense.
3.- Coas ilustracións, que se presentarán, no seu conxunto, baixo lema, achegarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor.
4.- Para esta modalidade de ilustración establécese un premio de 1.500 euros.
5.- O xurado estará formado polos seguintes membros: o presidente da Excma. Deputación de Ourense (ou persoa que el designe oportunamente) e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de secretario o da Deputación ou persoa en quen delegue (con voz e sen voto).
6.- A composición do xurado darase a coñecer, así como o ditame ou resolución deste, en datas, que se comunicarán, oportunamente, nos medios de comunicación.
7.- O premio poderá ser declarado deserto, no caso no que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.
8.- A Excma. Deputación de Ourense, como propietaria das obras, resérvase tódolos dereitos de edición sobre as obras premiadas, en tódolos ámbitos e linguas do Estado, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros, e poderá libremente publicar estas sen limitación de número nin de edicións. O beneficiario ou beneficiarios do premio comprométense a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os dereitos da obra ou das obras relativas ós cinco mil primeiros exemplares. O premiado recibirá gratuitamente vinte exemplares.
9.- Os orixinais non premiados poderán retirarse na Excma. Deputación de Ourense, nos dous meses seguintes á resolución do premio. Aqueles que así non se retiren, poderán ser destruídos. A participación nesta convocatoria e modalidade de ilustración requirirá a aceptación das normas contidas nestas bases, así como as decisións do xurado que se teña designado, que serán inapelables.
Promoción da lectura:
A Excma. Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense (bibliotecas, centros de ensinanza, asociacións e entidades culturais).

Ourense, 25 de xuño de 2012. O presidente.
Asdo.: José Manuel Baltar Blanco.