



Desde Nós Diario:
“Con motivo do aniversario dos 50 anos da publicación de Seraogna, obra senlleira da literatura galega e cuxo autor é o poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro, o IES do Barral de Ponteareas (O Condado) convocou o I Concurso de poesía “Seraogna”: a escola sen acoso. Un certame poético dirixido a toda a comunidade educativa da Galiza.
O xurado, composto por persoas de recoñecido prestixio no eido cultural, vén de dar a coñecer a súa decisión. Neste senso, na modalidade A, na que podían participar alumnado de entre seis e doce anos, o poema gañador foi Vivo no silencio de Arwen Fernández García de Nigrán (comarca de Vigo). O segundo posto foi para Sofía Garea Broullón do Colexio Divino Salvador de Vigo, seguida do poema Dende ben pequena de Catalina Meijueiro Miragaya do CEIP Feliciano Barrera de Ponteareas.
Na modalidade B, entre 13 e 18 anos, o galardón foi para Adara Soto Vidal do IES Rosalía de Castro de Santiago, polo poema Afogar o siencio. Pola súa parte, o segundo e terceiro premio foron obtidos por Xulia Cuevas Rodríguez e Cristina Vicho de la Fuente, respectivamente.
Por último, na modalidade para persoas de máis de 19 anos, o primeiro premio recaeu no poema Artesa de voz de Mª. Soledad García Riveiro. Mentres que a prata e o bronce foron para Iván Márquez Carballo e Francisco Javier Sánchez González, respectivamente. A entrega de premios terá lugar no IES do Barral o vindeiro 29 de maio ás 12 h.”
Desde Galaxia:
“No Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, a 25 de marzo de 2026 reuniuse o xurado do II Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas e Editorial Galaxia, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, constituído por Armando Requeixo, Rosalía Morlán, Sandra Ferreiro García e Gabriel Romero de Ávila.
Logo da pertinente deliberación, o xurado decidiu outorgar por unanimidade o premio ao orixinal presentado baixo o lema Ensino para místicas. Aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Álvaro Domínguez Rodríguez-Volta.
O xurado salientou a súa hipnótica recreación dun mundo fantástico arredor dunha escola de maxia na illa de Tambo. Ideada como unha homenaxe aos grandes relatos deste xénero, a historia amosa as narracións “dark academy” ao tempo que asenta una lectura en clave feminista e reivindicativa, recreando con habelencia a sociedade galega de comezos do século XX. (…)
Ademais, o xurado, escolleu como finalista, a obra presentada baixo o lema Todo o que fixemos aquela noite. Aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Irene Rega Jul.
Pola súa banda, o xurado, destacou desta obra a súa capacidade para introducirnos nun thriller poderoso protagonizado por un grupo de mozos e mozas que teñen que dar conta dunha morte sorpresiva. Narrada cunha estrutura calidoscópica, esta historia convence pola intensidade dos feitos narrados e a forza dos seus personaxes. (…)”