“A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia homenaxeará na súa edición 2012, que comezará a vindeira semana, a Francisco Pillado, ao quen lle entregará o Premio Abrente de honra. A Mostra quere recoñecer a súa “ollada ampla e preocupación activa polas letras galegas, ora dende a directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ora como director da revista Casahamlet ou da colección Arlequín de teatro ou da editorial Laiovento”. E salienta que “as súas tarefas e a súa actitude de esforzo, esperta á vontade creadora e crítica, son un exemplo das ramificacións e bondades pedagóxicas das artes escénicas, do valor do pensamento artístico e da necesidade dun novo concepto da economía social”. Pillado, presidente de honra da Fundación Praza Pública, recoñeceu ter “unha satisfacción moi especial porque é un premio moi prestixioso, e porque a xente que levou a Mostra Internacional de Teatro todos estes anos converteu a Ribadavia na capital do teatro en Galicia”. En Ribadavia construíronse os alicerces do teatro galego, dende finais dos anos sesenta: “iamos con moita frecuencia a Ribadavia”, lembra Pillado, que salienta que “nos últimos anos do franquismo e nos primeiros da democracia para nós o teatro era un gran medio de expresión de ideas”. (…)” Vía Praza.