Pancho Pillado: teatro contra a amnesia

Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“En 1965, Francisco Pillado Mayor e Manuel Lourenzo decidiron formar a compañía O Facho e representar, malia todos os impedimentos que puña a ditadura, unha obra en galego. Ambos os dous estaban convencidos de que o teatro do noso país se reducía a Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, e A fiestra valdeira, de Dieste. Era impensábel pedirlle á censura que permitise unha representación da primeira (“eramos novos pero non idiotas”, dicía) e, por razóns técnicas, tampouco podían poñer en escena a segunda, así que decidiron facer un remexido con poemas de Luís Pimentel e de Rosalía de Castro e escenificalo.
Por medo a que a policía irrompese no medio da función e os detivese, pedíronlles a algúns vultos do mundo da cultura con certo nome e influencia que acudisen como espectadores, confiando en que a súa presenza evitaría males maiores. Otero Pedrayo, García-Sabell, Juan Rof Carballo, Juan Naya e outros persoeiros da época mostráronse moi interesados, confirmaron a súa asistencia e mesmo difundiron a invitación para, na medida do posíbel, “blindar” aos atrevidos teatreiros. A cousa funcionou ben.
Mais no transcurso do coloquio que seguiu á representación -eran os anos 60, non había teatro sen coloquio posterior-, un señor maior preguntou por que non representaban ningunha obra dun autor dramático galego. Os mozos, sorprendidos, contestaron que non había obras de teatro escritas en galego. Daquela, aquel señor maior empezou a explicarlles, con paciencia e tacto, o que fora o teatro rexionalista, o das Irmandades da Fala, a Escola Rexional de Declamación, a Escola Dramática Galega, o Conservatorio Nacional de Arte Galega…
Aquel señor maior era Leandro Carré Alvarellos e, igual que aqueles mozos, estaba levantando acta dun roubo: o da historia deste país. Nunha entrevista con Xosé Luna Sanmartín, Pillado expresábao así: “o que nos estiveron roubando esta cuadrilla de asasinos que nin sequera nos deixaban representar a Rosalía”.
Pillado, co seu grave aspecto de patricio romano, contaba con moita frecuencia esta anécdota, e Manuel Lourenzo segue contándoa cada vez que ten ocasión, o que probabelmente delata a profunda pegada que deixou aquel encontro. Se cadra, foi aquela revelación de que se lles furtara o pasado a que está na orixe de tantos volumes en colaboración que estableceron pontes entre o pasado e o presente que estaban tecendo: O teatro galego, Antoloxía do teatro galego, Dicionário do teatro galego… e de todo o traballo de recuperación da memoria teatral que ambos levaron a cabo desde a Escola Dramática Galega, desde os Cadernos do Espectáculo da Compañía Luís Seoane, desde a revista Casahamlet…
En moitos casos desde a sombra -non por falsa modestia, senón por manter a súa independencia-, o traballo de Pillado cambiou a fasquía da escena galega. El e Lourenzo inventaron un teatro onde non existía, puxérono ao día a respecto das correntes europeas do seu tempo e, cando descubriron aquelas raíces ocultas, fixeron todo o posíbel para que o seu labor se integrase na corrente da tradición, para que a continuidade non crebase. (…)”

A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do escritor e dramaturgo Francisco Pillado Maior, membro desta entidade

Elixido membro do Consello Directivo da AELG en 1984 e 1988, recolleu o Premio Bos e Xenerosos dedicado á Editorial Laiovento en 2014 en Pontevedra.

Francisco Pillado Mayor estudou Maxisterio, Graduado Social, Declamación e Arte Dramática, e foi Técnico Superior en Relacións Industriais pola Universidade de Alcalá de Henares. Traballou como profesor no Seminario de Estudos Sociais Ramón de la Sagra, do Colexio Universitario da Coruña.
Fixo crítica literaria, artigos e entrevistas en diversos medios de comunicación: Radio Nacional de España na Coruña, Radio Coruña da Cadea SER, La Voz de Galicia, A Nosa Terra, O Correo Galego e a revista Grial.
No mundo do teatro foi promotor dos grupos de teatro da Agrupación Cultural O Facho (1965), Escola Dramática Galega (1978), Luís Seoane (1980) e Elsinor Teatro (1990). Foi Presidente da Escola Dramática Galega, onde exerceu tamén como director de publicacións e responsábel do Departamento de Estudos Teatrais, así como da dirección dos Cadernos da EDG.
Formou parte do Consello de Redacción da Revista monográfica de Cultura da Agrupación Cultural O Facho e de Cen Augas. Dirixiu, desde a súa creación, a colección de teatro A Biblioteca do Arlequín, de Sotelo Blanco Edicións. Foi director de Cadernos da Escola Dramática Galega, Cadernos do Espectáculo da Compañía Luís Seoane, Colección Castrodouro-Teatro, Colección Arlequín, Libros Elsinor Teatro, Cadernos de Teatro e da Revista de Teatro Casahamlet. Así mesmo, foi director literario de Edicións Laiovento até 2014; directivo da Agrupación Cultural O Facho. Entre 1995 e 1997, formou parte do Consello Reitor do IGAEM. Tamén foi membro do Consello Asesor da Colección Teatro nas Aulas, patrocinada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
En 1996, doou a súa Biblioteca-Arquivo de Teatro á Universidade da Coruña, que pasou a denominarse Biblioteca-Arquivo de Teatro Francisco Pillado Mayor. Foi nomeado Presidente de Honra da citada Biblioteca, figura, ademais, no Consello Científico dos libros que se promoven desde esa institución académica. Tamén en 1996 cedeu á Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela a biblioteca que herdara do seu pai.
En 1997, foi elixido polo Parlamento de Galicia e a proposta do BNG, membro do Consello de Administración de Compañía de Radio-Televisión de Galicia. Ocupou este cargo durante dúas lexislaturas.
Fixo parte, ademais, de diversos xurados literarios.

O seu traballo incesante pode consultarse no seu espazo no Centro de Documentación da nosa web.

(Foto de Manu Cruz, desde a Wikipedia en galego).

Manuel Lourenzo: “O teatro leva moito tempo inventado e aínda ninguén puido con el”

Entrevista de María Obelleiro a Manuel Lourenzo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que é para vostede o teatro? Comezamos forte.
– Manuel Lourenzo (ML): (Ri) É unha forma de estar na vida, como pode ser outra. É unha forma moi activa de estar presente, de porte nun lugar, diante do público e mostrar comportamentos e expresarte a través dunha máscara que tes diante, aínda que non se vexa, e con ela falar das cousas que queres e tes necesidade de falar, e non de bobaxes.
– SG: Como foron os seus inicios no grupo de teatro do Facho, ligado á agrupación cultural homónima?
– ML: Eu viña reuníndome cun amigo meu, Pancho Pillado, falando horas, e horas e horas de teatro. Falando de que había que facer un teatro en galego, para Galiza, e de que a nosa xeración tiña que ser a que arrancase. Aquilo non podía ser, duraba demasiado, e había que espertar, non chegaba con ler libros e facerse culto, había que comunicarse cos demais en voz alta, é dicir, co teatro, e inventar unhas formas de expresión que permitisen que chegase esa mensaxe que queríamos dar sen que nos metesen no cárcere.
– SG: A estudosa Laura Tato marca a creación do grupo de teatro do Facho como o inicio do Teatro Independente Galego, comparte esa opinión?
– ML: Enteiramente. É a época en que a min me chamaron os amigos para que levase o grupo do Facho –eu non era socio– e usabamos un local na Cidade Vella da Coruña para ensaiar. Así comezou todo. Despois fixemos traducións, lecturas dramatizadas de Cousas, de Castelao… até que chegou o momento en que nos reunimos tres amigos en Fisterra, Alfredo Ferreiro, Xan Cejudo e eu, e dixen que había que facer un teatro que puidese saltar a barreira da censura e á vez que nos permitise contar o que queriamos contar.
– SG: Porén, o recital de Rosalía que organizaban prohibíronllo. Que aconteceu?
– ML: Estaba feito cunha forma de teatro da que gosto moito, o teatro central. Había exclusivamente como atrezzo unha luz nun cubo translúcido e iluminaba quen estabamos ao redor, uns oito ou dez. Esa luz era para traspasar as cousas que Rosalía dixera e que non tiñan nada de morriñento, era unha posta ao día sobre a situación das galegas e galegos ante a vida e a sociedade. Fíxose a estrea e aquilo prohibírono radicalmente. Conseguín saber por que. O papel non mo deron pero houbo un señor, en Información e Turismo, que mo deixou ler. Dicían que atentaba contra “la unidad de la común nación española” e que presentaba “una Galicia de emigración y cementerio que en absoluto se correspondía con la floreciente región actual”. Nese momento, decateime de onde estaba metido. Eu tiña a sensación de que o franquismo ía durar sempre e de que o tirano era eterno. Non podía explicarme a min mesmo como podía chegar a ser unha democracia. O que eu coñecera, en Alemaña, era unha sociedade que eu tampouco desexaba, en que o individuo estaba ninguneado, unha sociedade dos cartos, cartos, cartos, produción, produción, produción. Non quería iso aínda que se chamase democracia porque non deixaba respirar. Eu quería unha vida en que se respirase. A sombra dese señor aínda me dura hoxe, aínda teño que loitar contra ela e ser consciente de que loito contra ela, porque en calquera momento vén un sombrón deses e tápanos. (…)”

A Coruña: Encontro c@s amig@s arredor de Luísa Villalta, en novembro de 2017

“Como peche do ciclo de actividades As chaves do tempo, arredor de Luísa Villalta, que organizaron a agrupación cultural Alexandre Bóveda e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, entre o 19 e o 27 de novembro, celebrouse este encontro presentado por Xurxo Souto e Teruca Queiro. Interviron Pilar García Negro, Pancho Pillado, Ánxeles Penas, Blanca Silva, Ana Pillado, Maribel Longueira e Cesáreo Sánchez, ademais da familia de Luísa Villalta.”

Francisco Pillado: “Os valores republicanos están agora peor defendidos que antes”

Entrevista a Francisco Pillado en Praza:
“(…) – Praza (P): De toda a súa traxectoria no mundo cultural, que é do que se sente máis orgulloso?
– Francisco Pillado (FP): O traballo editorial sempre me gustou moito e recibín moitos recoñecentos tanto por ese labor como polo que levei a cabo no mundo do teatro, pero insisto en que este recoñecemento que me dan agora emocióname máis porque abrangue toda a vida.
– P: De Laiovento todos os autores destacaron sempre a liberdade que sentían nesa editorial…
– FP: Si, lembro por exemplo aquel conflito que agora desapareceu algo, cando había unha normativa oficial e outra reintegracionista. Eu en Laiovento sempre apostei por primar a calidade por riba da grafía, ademais de pensar que coa opción lusista abríamos mercados e que era absurdo reducirse a Galicia se podiamos espallarnos ao Brasil. Pero claro, eses libros non os mercaba a Xunta se non estaban escritos na normativa oficial. Era discriminatorio. (…)
– P: Cónteme como empezou a traballar e colaborar no teatro con Manuel Lourenzo.
– FP: Manuel e eu eramos un pouco raros porque xa de mozos apostabamos polo latín e polo grego, mentres a maioría apostaba pola física ou as matemáticas. A min o teatro sempre me gustou porque era unha forma de expresarse, de rachar coa censura. Interesábanos aos dous e así creamos a Escola Dramática Galega e aí dentro os Cadernos da Escola Dramática Galega, nas que escollíamos as pezas teatrais máis significativas da literatura galega. Había moi pouquiñas obras e iamos tirando do fío para ir descubrindo máis.
– P: Durante toda a súa traxectoria, sentiuse pouco apoiado institucionalmente?
– FP: É natural se vas na liña contraria. Sempre aceptei que tiña que ser así. Se apostas por unha normativa que non é a oficial ou por libros que non defenden o sistema vixente, é lóxico que non se te recoñeza; sería contraditorio. E non me importou porque o mundo editorial e do teatro non eran o meu modo de vida. Se o fosen, posiblemente tería que terme adaptado a todos eses hábitos para poder vender libros. (…)”