Entrevista a Ricardo Martínez-Conde en Fervenzas Literarias:
“(…) Fervenzas Literarias (FL): Expresar o pensamento, a reflexión, a observación é común á idiosincrasia galega. Sen embargo, a súa representación literaria non é doada de atopar, máis aínda se falamos dunha exteriorización aforística.
– Ricardo Martínez-Conde (RMC): Nalgunha ocasión, falando con Anxo Tarrío, témolo comentado; é certo que literariamente non está moi presente a expresión aforística nas nosas letras, tal como indicas. A pesares de que a nosa literatura adoece de ensaio, o paisano galego é moi sentencioso e tendente a empregar esas verdades resumidas que ás veces pode mesturarse co refrán. Eu, como escritor, procuro pulir esa tradición para darlle a intención de aforismo. Emporiso, hai que ter en conta que o aforismo vai máis alá e esixe ser unha construción racional moi coidada. Nese senso en Galicia coido habería que citar ineludiblemente a autores como Dieste, Celestino Fernández de la Vega ou incluso estaría tamén implícito -aínda que revestido do seu xeito fantasioso- no propio Álvaro Cunqueiro. Cunqueiro di moitas verdades breves, o que fai que ás veces non sexa doado lerlle, porque engalana con poucas palabras: outro fundamento para o aforismo. (…)
– FL: Pervive o que é dubidado. Perpetúa en Ecos da néboa ese sentimento perenne de especulación racional e consciente.
– RMC: Racional, consciente e eu engadiría construtiva. Non me lembro moi ben se era Cioran quen dicía que “Eu só estou seguro dunha cousa, das miñas dúbidas”; pero cada dúbida é como ir cubrindo ese oco da grande dúbida, da esencial, a que supón ese oco existente entre o home e o seu sentido de transcendencia, o seu valor relixioso. Logo a intelixencia do individuo lévanos á contradición, onde todo semella claro pero logo non hai xeito de xuntar as pezas. É un desasosego perenne (outra vez Pessoa) onde, mentres algúns procuran obvialo para se dedicar a cuestións máis frívolas ou inmediatas, outros buscan a súa utilidade, para ver se nos axudan a ter un pouco de sosego, pero sobre todo para desenvolver a capacidade de entender, coa finalidade de que as cousas non nos sexan estrañas, a propia paisaxe nos sexa estraña. Coñecer a ese Outro filosófico e entender cales son os fíos que nos unen a el. (…)”.