“A forma mínima do poema”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“(…) “Sempre me interesou a contemplación da natureza. É algo que herdei do meu mestre na poesía, Juan Ramón Jiménez”, explica Villar Janeiro, “que nos seus últimos anos tendeu ao esencialismo. E iso atráeme moito”. A poesía reducida ao óso é, tamén, característica do haiku: “Difícil é / saber a duración / que ten a morte”.
Esta obra, en que os textos aparecen acompañados de cadansúa fotografía e tradución ao inglés e ao castelán, naceu en Internet. “A miña curiosidade pola redes e a miña curiosidade pola fotografía xurdiron a un tempo”, relata, “e comecei a pendurar unha serie de haikus na conta de Twitter, sempre cunha imaxe. Tiveron moito éxito, moitos gústames”. Tanto que chegou aos 690. “A xente pedía un libro”.
Unha contundente escolma reduciu aquela masa poética a 50 pezas. “Atopei un editor entusiasta”, engade, “que mesmo aceptou o título de Poesía mínima. Porque aos editores non lles gusta usar a palabra “mínima”. Pero Quique Alvarellos si, e fixo un libro fermosísimo, con valor de obxecto”. Cuberta dura, papel satinado e caixa reducida, acorde co xénero que acolle, para un volume de “meditación e rezo para ateos e agnósticos”.
O diálogo entre fotografía e poema é outra das chaves do traballo. Porque escrita e impresión da luz foron da man. “Hai algúns haikus que se poden separar da foto e ter vida propia. Outros non. Mais todos teñen a ver coa imaxe que os incitou”, engade. “A destrución: / labirinto do tempo / e da incerteza” ao pé das ruínas dunha casa no corazón dunha vila, por caso.
Con Poesía mínima Villar Janeiro súmase a unha nómina de autoras e autores cada vez máis poboada que practican a forma haiku. Lembra a Ricardo Martínez-Conde e celebra que se “precise máis en que consiste. Antes chamábase así a calquera poema curto”. En todo caso, conclúe a poeta -cuxo anterior libro de poemas foi Remontar o río (2014)-, “a paisaxe galega, coas súas catro estacións diferenciadas e marcadas, cadra moi ben co xénero”.”

Breizh, de Miro Villar

Entrevista a Miro Villar en Fervenzas Literarias:
“- Fervenzas Literarias (FL): A primeira dúbida á que se enfronta o lector que se achega a este libro é se estamos ante un libro de haikus ou ante un libro de viaxes. En Breizh a viaxe consiste en transitar polo haiku ou é o haiku quen nos convida -non tanto a facer a viaxe- senón a vivir a viaxe?
– Miro Villar (MV): En Breizh hai dúas viaxes: a primeira delas sería unha viaxe física á Bretaña realizada a través do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte. Trátase dunha serie de viaxes que nos levan polas diferentes fisterras atlánticas e desta volta tocaba pola Bretaña.
Esa sería a viaxe física, pero logo está a viaxe literaria, que ten moito que ver coa nosa propia tradición. A Bretaña é un territorio que un galego e unha galega senten como moi próximo. A influencia de Bretaña é moi evidente tanto na literatura medieval galega como na contemporánea. Velaí está o libro de As cruces de pedra na Bretaña de Castelao ou a obra de poetas máis recentes, como Olga Novo. Porén, a min o libro que máis me inspirou para escribir Breizh foi Laio e clamor pola Bretaña de Manuel María.
A razón pola que foi escrito en haiku é posterior á viaxe. Nun congreso de escritores celebrado en Coimbra coñezo ao poeta coimbrense António Jacinto Pascoal. Pascoal estaba facendo unha antoloxía do haiku mundial para traducila ao portugués e solicitoume información sobre autores galegos que cultivasen o haiku en Galicia, ao que eu lle respondín que non había moita cousa e faleille de Uxío Novoneyra e de Ricardo Martínez-Conde.
Jacinto Pascoal insistiume de que tiña que escribir un libro de haikus. Entón, no transcurso desta viaxe a Bretaña, onde non tes moito tempo de escribir, onde o único que fas son anotacións breves e concisas, a estrutura de haiku amoldouse a esa brevidade e concisión que eu precisaba. (…)
– FL: No limiar Xosé María Lema indica que este libro nace dunha xeira de viaxes polas fisterras atlánticas. Por que deterse en Breizh en lugar doutras fisterras percorridas polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte como Cornualles, Eire …?
– MV: Esta viaxe tiña un substrato e unha vinculación moi importante coa nosa tradición literaria e cultural. Todos eses sitios que ti ves de nomear evidentemente tamén son fisterras atlánticas, pero a min apetecíame poetizar Bretaña, principalmente por iso que veño de te comentar, por ser partícipe dunha tradición cultural e literaria que ven dende atrás. Evidentemente tamén hai unha vinculación de Galicia con outras terras, como con Irlanda, por exemplo. Pero é sen dúbida moito menor que con Bretaña. (…)”

Parlamento das Letras: Ricardo Martínez-Conde

Entrevista de Armando Requeixo a Ricardo Martínez-Conde no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Ricardo Martínez-Conde (RMC): Sóbralle sangue, coitelo, sexo barateiro, anguria sen xustificación… Fáltalle o que sustentaría literariamente eses conceptos: imaxinación, reflexión… (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– RMC: Por usar unha figura meteorolóxica, algo nubro. Con chuvasqueiras. Non acaba de arranxar de todo; vai un tempo de friaxe. O tempo da lúa anda avolto. (…)”.