Entrevista de Ramón Nicolás a Inma López Silva, publicada orixinalmente en Qué leer, e traducida ao galego no seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Nas súas propostas narrativas hai moita ironía e unha mirada á memoria para fabular…
– Inma López Silva (ILS): A memoria, creo, é o espazo natural da narrativa. Contamos porque a nosa linguaxe ten a potestade de servir de espello retrovisor do mundo. Situar as miñas novelas nunha perspectiva memorística (aínda que sexa sobre a actualidade) é situalas no contexto natural do relato, algo que, ademais, se ve intensificado pola utilidade literaria dos temas situables na memoria, así como polo interese crítico e intelectual dese ámbito. En canto á ironía…, non a busco, pero deposítase no que escribo…
– RN: Ao tempo, o protagonismo feminino e certa anglofilia alicerzan a súa estética narrativa…
– ILS: O protagonismo feminino é, na maior parte dos casos, unha decisión consciente: quixen dar voz, sobre todo en Memoria de cidades sen luz e Concubinas, a voces silenciadas da Historia, e de aí que optase por centrar o relato no punto de vista de mulleres que dan a súa versión dos feitos, convertendo en posible historicamente o que en realidade é ficción. Noutros casos, esa presenza feminina débese a que me sinto cómoda nunha narrativa que xoga á confusión entre escritora e narradora, vida e relato (New York, New York). Esa certa anglofilia forma parte da vida que só son capaz de expresar como ficción, igual que a miña francofilia máis teatral.
– RN: Que se pode encontrar en Tinta?
– ILS: Tinta son seis relatos escritos entre 2000 e 2010. Entre os relatos existen elementos que os relacionan entre si e co resto dos meus libros. A tendencia ao protagonismo feminino e á utilización da memoria son dúas delas. Certa vocación de compromiso tamén está presente, igual que o xermolo inicial de obras anteriores. Tinta supón, ademais, pechar un ciclo literario, aínda cos ollos postos en inquietudes que están máis presentes no que escribo actualmente. (…)”.