“«Non hai nada no mundo, nada/ tan fondo, lúcido e fermoso/ como a nidia claridade/ da palabra». Manuel María deixou palabras escritas que agora saen a luz despois de estar silenciadas varios anos, tras a morte do poeta. «Un ama até aos límites / o impenetrábel misterio/ do silencio / e, para defendelo, usa / a forza poderosa da palabra». Estes versos están no inicio no libro Os lonxes do solpor, un poemario inédito que vén de publicar a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, acompañado polo CD Andando a Terra, de Uxía, e o DVD De amor e cantería, de Pixel Films, sobre un guión de Anxa González Refoxo. «Manuel María dera a coñecer algúns destes poemas, pero de xeito moi aillado, en publicacións espalladas que ahora están esgotadas, algunhas incluso no estranxeiro; de calquera xeito, como libro esta é a súa primeira edición». Isto esplicaba Alberte Ansede, secretario da fundación do poeta. Despois de presentar Lúas de Outono 2012, o espectáculo co que a semana pasada se lembraba na Coruña o cuarto aniversario do pasamento do escritor, Ansede indicaba que aínda quedan outros textos inéditos. (…)” Desde La Voz de Galicia.