“Chus Pato e Fina Casalderrey. Elas son as candidatas a entrar na Real Academia Galega (RAG) para ocupar a vacante de Xaime Isla Couto, segundo fontes da institución confirmaron a Praza. O pasado sábado celebrouse un plenario no que se pecharon as candidaturas e as dúas únicas propostas son as das citadas escritoras. Deste xeito, con toda probabilidade sentará unha muller máis no plenario da Rúa Tabernas. Os académicos terán que elixir en votación a unha delas para convertela en numeraria da institución que preside Xosé Luís Méndez Ferrín. Desta maneira, o plenario da RAG composto por 30 cadeiras, aumentará a presenza feminina e chegará ao mesmo nivel de cinco mulleres co que se contaba en 2010, cando na institución estaban Rosario Álvarez, Margarita Ledo, Xohana Torres, Luz Pozo Garza e Olga Gallego. O falecemento da arquivista en setembro de 2010 reduciu esa presenza e reduciu o número a só catro académicas, unha cifra que non aumentou no proceso de renovación que afrontou a entidade encabeza por Ferrín ao longo de 2011 á hora de cubrir as vacantes que se foron sucedendo de Francisco Fernández del Riego e do xeógrafo Río Barja. Agora, coa próxima votación unha delas, Fina Casalderrey ou Chus Pato, entrarán con toda probabilidade na Real Academia Galega, se así o deciden os membros da institución. (…)” Desde Praza.