Entrevista a Ramón Caride no Faro da Cultura, suplemento do Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): O xénero negro, a novela policíaca ou como queira chamarse, está a vivir momentos de gloria en Galicia, liderada principalmente polos best sellers de Domingo Villar. Tratándose dun xénero que Vde. practicou moitas veces, coida que podemos referirnos a Sarou, e a moitos dos contos seus que se moven neste xénero, como obras que se adiantaron ao seu tempo?
– Ramón Caride (RC): Dalgunha maneira, si. O que pasa é que eu nunca tentei escribir novela policíaca no senso de novela de misterio ou intriga, senón que a miña referencia foi sempre a novela realista. A mín gústame contar dende dentro, no marco no cal “suceden”, e non adoito recorrer ao clásico investigador, ao detective que vai descubríndolle a trama ao lector. De todos os xeitos, conste que eu me confeso seguidor do xénero negro, pero máis ben como lector, e non tanto como escritor. (…)
– FdV: É certo que hai, poñamos, vinte e cinco ou trinta anos escribir novela negra estaba menosprezado e non era ben visto pola elite literaria galega? Tivo Vde. alomenos esa sensación?
– RC: Si, a verdade é que tiven esa sensación, tanto a de menosprezo como a de rexeitamento. Claro que, daquela, a aparición de novelas e relatos como os que eu facía pillou á crítica literaria un pouco fóra de órbita, aínda que haxa que recoñecer tamén que, hai vinte ou trinta anos, a maioría do público que lía literatura galega non demandaba este tipo de obras ou ao mellor acontecía que moitas delas non acadaban o suficiente nivel. A excepción, quizais, fose Carlos Reigosa, que xa andaba nestes territorios literarios, pero que si que conseguía ter tanto o respecto da crítica como un estimábel número de lectores. (…)
– FdV: O feito de ser poeta, en que medida afecta ao seu xeito de escribir cando conta unha historia; é dicir, cando ten que exercer de narrador?
– RC: Penso que o relato e mais o poema teñen moito en común, son universos autónomos e para min non son en absoluto moi distintos. A diferenza entre eles radica en que o relato ten que ter obligatoriamente un argumento, cousa que non acontece co poema. (…)”.