Samuel Solleiro: “Se hai que tomar partido, que sexa fóra da ficción”

Entrevista a Samuel Solleiro en Praza:
“(…) – Praza (P): dz non pretendía ser un libro erótico, aínda que a sexualidade ten moita importancia nel. Tamén está moi presente en Gran tiburón branco. A que querías apuntar?
– Samuel Solleiro (Sam. S): Supoño que é un tema universal, non só literariamente. O que tentei facer foi presentar o sexo como un elemento máis da vida, algo que nos envolve e nos condiciona moito. O que creo que non está tan tratado na literatura é iso: como o desexo sexual pode influír tanto nos nosos comportamentos habituais. Iso é o que me preocupaba neste libro, ademais doutros medos aos que nos enfrontamos todos os días. (…)
– P: Tanto o relato primeiro, sobre unha muller que se avergoña do seu home e ten relacións con outros pero non quere deixalo, como o terceiro, sobre a escritora da familia de lunáticos, apuntan a un xeito de vivir de clase media acomodaticia, consistente en pagar facturas… (son palabras túas). Era esa a idea?
– Sam. S: En realidade tento non depender dunha intención crítica estrita na literatura. Se hai un ollar crítico, procuro que sexa cada vez menos explícito. En Elexías a Deus e ao Diaño si había unha intención crítica, e en dz un posicionamento sobre o tema da masculinidade. Pero o que quero agora é, un pouco como certa escola narrativa americana, facer ficcións: un ambiente, uns personaxes… e observar as súas reaccións sen tratar de moralizar. E se hai que tomar partido, que sexa fóra da ficción. O que si está presente neste libro é, se cadra, unha resposta ás actitudes típicas da cultura da posmodernidade. No relato As putas motos isto é máis explícito, respecto á idea da posmodernidade de que todo é ficción. (…)”.