Entrevista de Ramón Nicolás a Agustín Fernández Paz en Qué leer, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Rendéuselle unha emocionante e multitudinaria homenaxe hai uns meses en Vigo. Como xulga este recoñecemento?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Foi unha demostración de cariño -seguramente, excesiva- por parte dos meus amigos e amigas. «Escribo para que me queiran máis», afirmou García Márquez nalgunha entrevista; unhas palabras que agora comprendo moi ben, aínda que a miña obsesión pola escritura teña outras orixes. Para min, foi conmovedor recibir o afecto explícito de tantas persoas. Nunca o esquecerei.
– RN: En Non hai noite tan longa, a súa primeira novela especificamente para adultos, hai moito de memoria persoal e colectiva….
– AFP: Aínda que adopte a estrutura de thriller, cunha trama que busca engaiolar ao lector, esta novela responde a un axuste de contas coa España da etapa final da ditadura, a dos anos de xuventude da miña xeración. Un repaso á mentira, á represión, á crueldade, á inxustiza, á diferenza de clases… dunha etapa que tende a xulgarse de forma benévola. Benévolos aqueles anos, que culminan coas execucións de setembro do 75? Que estafa!
– RN: En Fantasmas de luz hai unha mirada crítica ao noso tempo…, talvez máis necesaria que nunca?
– AFP: Ademais dunha imprescindible homenaxe ao cine, tan importante na miña formación, neste libro abordo a inxustiza e a voracidade do sistema capitalista no que vivimos. Damián, un proxeccionista de cabina que queda no paro ao pechar o cine onde traballaba, e Marga, a súa muller, tamén desempregada, vanse facendo cada vez máis transparentes. Algo que vemos a diario nesta sociedade, que segrega e invisibiliza ás persoas máis débiles, como acontecía en As uvas da ira de John Ford, unha das referencias do libro. Introducir un elemento fantástico nun contexto realista, axúdame a falar con maior hondura da realidade.
– RN: Ten a punto de publicarse O rastro que deixamos…
– AFP: Creo que o título -tomado dunha novela magnífica de Siri Hustvedt, Todo canto amei– reflicte ben o contido do libro. Nel repaso, con moitos elementos autobiográficos, algunhas facetas da miña vida e da da miña xeración: un percorrido polas paisaxes da memoria e pola miña educación sentimental, que diría Vázquez Montalbán. Ao tempo, como ler e escribir son indisociables como as dúas caras dunha moeda, falo do desexo de ler e do oficio de escribir, dúas facetas moi importantes na miña vida.
– RN: Algún proxecto narrativo entre mans?
– AFP: Durante os últimos meses, estiven a documentarme sobre a vida na España dos anos sesenta e, ao tempo, sobre a carreira espacial que se inicia co Spútnik e remata co Apolo XI. Ese será o marco no que se desenvolverá a miña próxima novela.”