Fran Alonso: “A literatura está en nós: todos temos unha historia que contar”

Entrevista a Fran Alonso en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como foi para vostede como autor ver o seu libro [A punta de pistola], capítulo a capítulo, no xornal?
– Fran Alonso (FA): Vivino como algo moi novidoso. Estiven moi expectante por ver como era recibido, como o lía a xente. A primeira metade do mes estiven fóra, pero si estiven pendente, sobre todo dos comentarios dos lectores, aos que chegaba a través de Twitter e que foron toda unha experiencia.
– LVG: Dalgunha forma, tamén pechaba un círculo, porque foi no xornal onde atopou a inspiración para a historia.
– FA: Efectivamente, lina no xornal. Foi unha historia que me sorprendeu e xa daquela escribira un artigo sobre o tema. Pero estiven uns anos reflexionando sobre o feito do inverosímil que parecía que uns pais se levasen aos seus fillos a punta de pistola: aí había material literario, aínda que non estaba seguro de que o fose a escribir. Pero ao final volvín sobre a historia e engadinlle a trama paralela protagonizada pola camioneira, que para min tamén era pechar outro círculo, coa miña primeira novela, Tráiler. (…)
– LVG: Cada capítulo do seu libro compartiu espazo cos relatos que enviaron os lectores. ¿Que lle pareceu esa convivencia entre un autor do seu traxecto e as arelas dos afeccionados?
– FA: Pareceume fantástico. Había textos moi interesantes e resulta abraiante ver as ganas que a xente ten de contar. Á xente apetécelle escribir. Todos levamos a literatura dentro de nós, un novelista, todos temos unha historia que contar, compartir as nosas narracións e gozar co xeito de contar. Para min tamén foi moi optimista porque demostra que o futuro da literatura galega está garantido.”