Furar na trastenda social: a novela negra como metáfora da desintegración

Reportaxe de Montse Dopico en Praza:
““Coa novela negra pasou como coa de ciencia-ficción. Ao principio, había quen che dicía que o que tiñas que facer era escribir a gran novela sobre a guerra civil ou a emigración… Pero o tempo foinos quitando todo iso de enriba. Os lectores teñen menos prexuízos que os críticos”, lembra Ramón Caride. Recordos semellantes garda Manuel Forcadela. “Tiñamos un proxecto consciente de facer novelas para todos os públicos, cun obxectivo normalizador. Pero o que non funcionou foi o sistema cultural deste país. Voceiros da UPG dicíannos que escribiamos cousas frívolas en lugar de falar do proletariado… Eu publiquei primeiro Sangue sobre a neve, que foi ben recibida. Pero despois Barato, barato e Fóra de xogo tiveron moi malas críticas. Logo chegou Domingo Villar, que escribe o mesmo pero moito máis politicamente correcto, -pois os nosos investigadores torturaban e facían cousas así-, e entón fálase de auxe da literatura policial”, asegura.
Tampouco O crime da rúa da Moeda Vella de Román Raña, premiada co Blanco Amor no 1989, foi moi ben acollida pola crítica naquela altura. Xesús González Gómez mostrouse en A Nosa Terra especialmente duro co resultado destes primeiros intentos de adaptar a serie negra á realidade galega, nos que percibía un excesivo manierismo -moito máis benévolo foi, pola contra, coas achegas ao xénero de Ramiro Fonte-. E aínda nun libro que publicou no 2002 sostiña que “a novela policial galega naceu mal, non só pola pouca calidade do texto inaugural, senón porque os seus cultores non entenderon o que fora no seu día a novela negra americana, porque non sabían que a novela negra era a literatura moral do noso tempo, e, tampouco sabían da segunda revolución que se producira na novela policial a comezos dos 70, en Francia, e que se espallara por toda Europa”. (…)”.